A Real Academia Galega de Ciencias incorpora tres novos académicos

O acto de ingreso celebrarase mañá mércores no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas

Jorge Martínez, Juan Ramón Sanmartín e Francisco Marcellán

Jorge Martínez, Juan Ramón Sanmartín e Francisco Marcellán / ECG

ECG

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 22 de marzo, o acto de ingreso de tres novos académicos correspondentes: o matemático Francisco Marcellán, que entra na Sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución; o economista Jorge Martínez, na Sección de Ciencias Económicas e Sociais; e o físico Juan Ramón Sanmartín, na Sección de Ciencias Técnicas. O evento terá lugar no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, María Isabel Doval; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de entidades políticas, culturais e académicas galegas.

O economista Jorge Martínez-Vázquez

O economista Jorge Martínez-Vázquez / ECG

Jorge Martínez é membro do panel de asesores fiscais do Fondo Monetario Internacional e tamén asesora ás Nacións Unidas

O economista Jorge Martínez-Vázquez (Vilagarcía de Arousa, 1948), licenciado en Economía e Dereito pola Universidade de Barcelona e en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, obtivo o seu doutoramento e mestría en Economía na Universidade de Washington. É Profesor Emérito de Economía na Universidade Estatal de Xeorxia e director fundador do Centro Internacional de Políticas Públicas. Ao longo da súa traxectoria profesional publicou máis de 25 libros e centos de artigos en revistas académicas, como Econometrica ou o Journal of Political Economy.

Ten dirixido e participado en proxectos de reforma fiscal en máis de 95 países, incluídos China, Rusia, Paquistán, Arxentina, Sudáfrica, Indonesia ou México. Con regularidade asesora ao Banco Mundial, ao Banco Asiático de Desenvolvemento, ao Banco Interamericano de Desenvolvemento e ás Nacións Unidas. Ademais, é membro do panel de asesores fiscais do Fondo Monetario Internacional. Ten recibido numerosos premios e galardóns, entre eles o Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, e dirixiu ou participou en máis de cen teses de doutoramento.

O doutor en Enxeñaría Aeronáutica, Juan Ramón Sanmartín Losada

O doutor en Enxeñaría Aeronáutica, Juan Ramón Sanmartín Losada / ECG

Juan Ramón Sanmartín introduciu un novo concepto físico que podería contribuír á eliminación do lixo espacial e á exploración dos planetas

Juan Ramón Sanmartín Losada (A Estrada, 1941) é doutor en Enxeñaría Aeronáutica pola Universidade Politécnica de Madrid, licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense e doutor en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Colorado -onde foi científico visitante-. Foi investigador asociado na Universidade de Princeton e no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, onde tamén foi profesor visitante. Foi así mesmo científico visitante no Observatorio Astrofísico Smithsoniano de Harvard. Traballou como enxeñeiro no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial e foi profesor na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade Politécnica de Madrid, onde foi catedrático de Física e desde 2011 é profesor emérito. Foi membro do xurado dos Premios Príncipe de Asturias de Ciencias.

En 1991 introduciu o concepto bare tether na tecnoloxía emerxente de amarras espaciais, uns mecanismos que poderían contribuír no futuro á eliminación do lixo espacial e á exploración dos grandes planetas do Sistema Solar. A Axencia Espacial Europea aproboulle en 1993 un experimento de demostración con Alcatel Space para os Columbus Precursor Flights; seguíronlle outros proxectos para a NASA e para a propia ESA. En relación con Galicia, destacan os seus traballos sobre o movemento do botafumeiro, que se recollen en dous artigos publicados no American Journal of Physics en 1984 e en Investigación y Ciencia e Pour la Science en 1990. É sobriño do galeguista Antón Losada Diéguez.

O doutor en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Zaragoza, Francisco Marcellán Español

O doutor en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Zaragoza, Francisco Marcellán Español / ECG

Francisco Marcellán é o presidente da Real Sociedad Matemática Española e do Comité Español de Matemáticas

Francisco Marcellán Español (Zaragoza, 1951) é doutor en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Zaragoza. Recibiu o Premio Nacional de Licenciatura en Matemáticas. É catedrático de Matemática Aplicada na Universidade Carlos III. Foi profesor nas universidades de Zaragoza, Santiago de Compostela e Politécnica de Madrid. É investigador do Instituto de Ciencias Matemáticas. Realizou estadías como investigador nas Universidades Paul Sabatier (Toulouse), Pierre et Marie Curie (París), Denis Diderot (París) e Lille; e foi profesor visitante no Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia.

Conta con máis de 270 publicacións en revistas internacionais de alto índice de impacto xunto con setenta publicaciones en actas de congresos. Participou en comités organizadores e científicos de máis de 90 eventos científicos e foi conferenciante convidado nun centenar de congresos da súa especialidade. Forma parte dos comités editoriais, entre outras, das revistas Journal of Approximation Theory e Electronic Transactions in Numerical Mathematics. Foi vicerreitor de Investigación na Universidad Carlos III de Madrid, director da ANECA e secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica no Ministerio de Educación e Ciencia (2006-2008). É académico correspondente das Academias de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de Colombia e das de Granada e Zaragoza. Na actualidade preside a Real Sociedad Matemática Española e o Comité Español de Matemáticas, a organización española adherida á Unión Matemática Internacional.