Luz na Terra: recoñecemento ó enorme legado do Seminario de Estudos Galegos

"Somos fillos desa luz que os precursores do Seminario acenderon, e que aínda hoxe continúa orientándonos", destacou Alfonso Rueda

“O Seminario de Estudos Galegos é un dos grandes alicerces da cultura galega do pasado cuxo legado continúa vixente na actualidade”. Deste xeito, no Museo Gaiás como escenario e no marco do acto de inauguración da exposición Luz na Terra, o presidente da Xunta salientou “o importante labor daqueles rapaces que hai cen anos sumaron forzas baixo a tutela inicial de Armando Cotarelo Valledor para proxectar a cultura galega cara a vangarda europea”. “Somos fillos desa luz que eles, os precursores do Seminario, acenderon e que aínda hoxe continúa orientándonos neste país tan diferente ao que eles viviron pero, ao mesmo tempo, tan semellante nos valores culturais máis fondos”, destacou Alfonso Rueda, quen suliñou, ademais, “o pluralismo e diversidade” desta entidade que se converteu a principios do século XX “nun punto de encontro onde falar, dialogar e practicar a tolerancia”.

Luz na Terra, coa que se conmemora o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e e que poderá visitarse no Museo Gaiás da Cidade da Cultura ata xaneiro de 2024, segue o ronsel marcado por anteriores exposicións dedicadas aos centenarios das Irmandades da Fala (1916) e a Xeración Nós (1921).

O SEG inaugurouse en 1923 a iniciativa dun grupo de estudantes universitarios en Santiago

O SEG inaugurouse en 1923 a iniciativa dun grupo de estudantes universitarios en Santiago / JACOBO TÁBOAS

Tras unha visita realizada á mostra en compañía do seu comisario, o historiador Ramón Villares, e dunha ampla representación institucional como o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, entre outros, o presidente da Xunta destacou o carácter didáctico desta exposición dedicada a unha institución “non do todo coñecida” dentro de Galicia, polo que confía en que tanto os galegos como os visitantes de fóra da Comunidade poidan ter unha aproximación “do que significou” e da importancia que “segue tendo a día de hoxe” o SEG para entender a cultura propia.

Rueda, Villares, Rosario Álvarez e Román Rodríguez, entre outras autoridades, onte, na inauguración da mostra

Rueda, Villares, Rosario Álvarez e Román Rodríguez, entre outras autoridades, onte, na inauguración da mostra / JACOBO TÁBOAS

O Seminario de Estudos Galegos inaugurouse en 1923 a iniciativa dun grupo de estudantes universitarios en Santiago, moitos deles de primeiro curso, entre os que destacan recoñecidos intelectuais como Fermín Bouza Brey e Xosé Filgueira Valverde. Foi unha proposta xuvenil amparada pola Universidade e que acabou por integrar, mesmo, a pais da Xeración Nós como Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.

En palabras de Alfonso Rueda, foi un “grupo de pioneiros” que mesturaba “a sabedoría dos máis vellos” cuns mozos que “sentiron a chamada dunha cultura que sobrevivía en condicións moi difíciles”, naquel momento na recentemente instaurada ditadura de Primo de Rivera. “Un traballo que parecía utópico naquel momento, pero que non o era porque había un desexo latente no pobo galego”, engadiu o titular da Xunta, para erixir ao Seminario de Estudos nun “dos grandes alicerces da cultura do momento e da futura”, coa publicación de diversos traballos sobre a propia terra, a súa historia, a súa literatura e a ciencia.

Segundo o presidente galego, os fundadores non tiñan outro motivo que expresar “un amor, un agarimo, unha ilusión polas manifestacións culturais”, pero “sen suxección a ningún movemento ideolóxico”, o que foi “semente frutífera” non só do proxecto autonomista da Segunda República, senón tamén do autogoberno galego de hoxe en día. “Teriamos que facer un exercicio de historia alternativa para imaxinar unha cultura galega sen o Seminario de Estudos Galegos naquel tempo. Supoñamos que en 1923 ninguén tivese unha iniciativa semellante e nacese sen o impulso e o pluralismo necesarios. Seguramente Galicia sería menos unida, menos culta”, engadiu Rueda.

“Marca indeleble”

Luz na terra. El Seminario de Estudos Galegos: una institución de alta cultura

Luz na terra. El Seminario de Estudos Galegos: una institución de alta cultura

Pola súa banda, o comisario da mostra, Ramón Villares, explicou a “marca indeleble na historia popular de Galicia” que tivo o SEG, unha institución que “durou pouco tempo”, uns 12 anos na práctica, pero que si tivo prolongación noutras institucións posteriores. O Seminario de Estudos Galegos relacionouse con colectivos análogos como o Centro de Estudos Históricos de Madrid (1910) e o Institut d’Estudis Catalans de Barcelona (1907) e desenvolveu o seu proxecto cultural e científico “con practicamente ningún recurso máis que o seu entusiasmo”, tal e como indicou Villares, xa que contaron “puntualmente” co apoio dalgunha deputación ou concello.

O comisario de Luz na Terra tamén destacou as “relacións co exterior” que despregou o SEG, dado que, á vez que “se daba a coñecer en Galicia”, permitía “divulgar” a cultura galega por Europa e América. Villares aproveitou a súa intervención para agradecer a outras institucións e a persoas particulares por achegar pezas e patrimonio co que armar esta exposición, singularmente o Instituto Padre Sarmiento.