A Deputación de Pontevedra pon en valor ós clubs de élite feminino dos que desfruta toda a provincia

Carme Silva, presidenta do organismo, destacou ás deportistas como “grandes referentes” // Achegaron 200.000 euros ós equipos

Fotografía do acto da Deputación de Pontevedra para ós clubs de élite feminino / Deputación de Pontevedra

Fotografía do acto da Deputación de Pontevedra para ós clubs de élite feminino / Deputación de Pontevedra / André Couce

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, definiu como “mulleres únicas e extraordinarias” ás deportistas dos clubs de elite feminino da provincia que compiten na máis alta categoría de balonmán, ciclismo e fútbol sala e que neste 2023 recibirán unha achega próxima ós 200.000 euros da Deputación de Pontevedra.

Os equipos son o Atlético Guardés, o Balonmán Porriño, o Poio Pescamar, o Marín Futsal e o Club Ciclista Farto que, representados por Pilar Jiménez, ciclista do Club Ciclista Farto, Daniella Sousa, xogadora do Poio Fútbol Sala, Aitana Santomé Santos, capitana do Balonmán Porriño, Marisol Carratú, capitana do Atlético Guardés, e Silvia Aguete, xogadora do Marín Futsal, participaron nunha recepción no Pazo provincial encabezada pola propia Silva.

A presidenta provincial remarcou que “somos a provincia do deporte feminino” e enxalzou o papel de estos clubes como “grandes referentes que están a levar o seu nome de por todo o Estado e incluso Europa”.

No acto, ao que tamén asistiron outras xogadoras dos clubs, así como adestradores e adestradoras e integrantes das directivas dos equipos, Silva quixo agradecer “a todos os equipos que apostan polo deporte feminino” polo seu traballo “que é complicado, pero está dando resultados”.

“Poucas provincias poden presumir de ter tantos equipos na elite do deporte feminino, de ocupar os primeiros lugares nas ligas e de ser grandes referencias, e eu síntome especialmente orgullosa diso”, dixo Silva ao tempo que agradeceu ás deportistas “que ademais de ser unhas cracks nas súas disciplinas deportivas, son mulleres que rachan cos estereotipos e son exemplos para as que veñen por diante”.

Tamén puxo en valor ós trunfos das deportistas da provincia, felicitando especialmente a Ale de Paz, Silvia Aguete e Luci Gómez, xogadoras do Poio Pescamar e do Martín Futsal que a pasada fin de semana gañaron o Europeo de fútbol sala coa selección española. Tamén desexoulle a todos os clubs éxitos nos desafíos futuros.

Pola súa banda, as deportistas agradeceron á Deputación todo o seu compromiso co deporte feminino. Pilar Jiménez recalcou que “somos moitas as mulleres que precisamos apoio, pois o deporte feminino está crecendo e este respaldo danos visibilidade”.

Daniella Sousa reclamou máis eventos “para promover o deporte feminino local” e destacou que o apoio da institución provincial “fai que podamos representar a Pontevedra incluso fóra de España”.

Pola súa banda, Aitana Santomé, subliñou que “é fundamental e necesario impulsar o deporte feminino e, sobre todo, igualalo ao masculino”.