O HC Raxoi consolídase en postos de ascenso a OK Liga Oro e tamén participará na Copa Princesa

O equipo feminino afiánzase a segunda praza da categoría de prata de hóckey trala súa victoria por 4-0 ante o CP Raspeig

O equipo do HC Raxoi que se mediu ante o CP Raspeig con victoria para as santiaguesas por 4-0.

O equipo do HC Raxoi que se mediu ante o CP Raspeig con victoria para as santiaguesas por 4-0. / HC Raxoi

Novo partido en OK Plata feminina e nova vitoria do HC Raxoi. O equipo santiagués mantense na senda da vitoria, consolidándose na segunda praza da esixente OK Plata feminina, que da o ascenso directo á máxima división do hóckey a patíns nacional.

O pasado sábado enfrontouse ao equipo alacantino do CP Raspeig. Na previa do partido realizouse un minuto de silencio polas vítimas do incendio na cidade de Valencia. Nun encontro máis intenso do que pode reflectir o resultado final (4-0) o equipo local logrou manter un alto ritmo de partido, conseguindo levarse a vitoria con goles de Lucía Yañez (2), Naiara Vaamonde (1) e Lucía Velo (1).

Con este resultado o equipo compostelán aumenta a 5 puntos a súa distancia co terceiro clasificado, e afiánzase na segunda posición da táboa xeral, que permite o ascenso directo a OK Liga Oro. 

Esta segunda posición permitiulle clasificarse tamén, xa en decembro e por segundo ano consecutivo, para a Copa S.A.R. da Princesa, que se disputa en Mieres (Asturias) este vindeiro fin de semana 2 e 3 de marzo.

O HC Raxoi enfrontarse na primeira semifinal ao Garatge Plana Girona CH, campión da Copa Catalana. Na outra semifinal compiten o CP Alcalá contra o equipo asturiano do ENE Oposiciones CPM–Lena. O conxunto santiagués viaxa disposto a dar a sorpresa e meterse na gran final.

OK Bronce

No outro partido da categoría nacional, o equipo masculino de OK Bronce estivo a piques de dar a sorpresa na súa visita a A Coruña, no seu encontro contra o líder en solitario da categoría, CDM Hockey Patines (Compañía de María).

Os goles de Hugo García (1), Álex Fuentes (1), Óscar Canabal (1) e Álvaro Barral (1) mantiveron ao equipo en todo momento na loita pola vitoria, que se decidiu nos momentos finais, rematando o partido cun 5-4 a favor dos coruñeses.

Aínda así, e nunha tempada con moitas lesións, o equipo de OK Bronce do HC Raxoi está a demostrar unha enorme capacidade de loita e sacrificio para sacar os partidos adiante, nunha competición cada ano máis esixente.