Polideportivo

Galicia acada dous subcampionatos e un MVP no torneo internacional de fútbol gaélico celebrado na Haia

Tanto a selección feminina como a masculina chegaron á final

Antonella Larrascq foi galardoada como a mellor xogadora

A selección galega masculina de fútbol gaélico foi subcampioa no torneo internacional da Haia.

A selección galega masculina de fútbol gaélico foi subcampioa no torneo internacional da Haia. / Ártabra

As seleccións galegas de fútbol gaélico regresan do 16º Gaelic Football Invitational Tournament como subcampioas. Galicia meteu aos dous equipos nas súas respectivas finais. O cansazo acumulado ao longo do torneo fixo que nos partidos definitivos caera derrotada. Como premio extra, a xogadora do Turonia de Gondomar, Antonella Larrascq Álvarez, foi a MVP.

Este era o segundo ano no que as seleccións galegas de fútbol gaélico eran convidadas a participar neste torneo da Haia no que tomaban parte tamén equipos de Dublín, Galway e o anfitrión, o Den Haag de Países Baixos.

O equipo masculino repetiu subcampionato. Se o ano pasado foran o equipo revelación do torneo, este ano loitaron polo título unha vez máis ata o último partido.

No seu primeiro encontro a Selección Galega masculina medíase ao conxunto local, o Den Haag, ao que venceu por un resultado de 1-7 (10), para Galicia, e 2-3 (9), para os de Países Baixos. No segundo encontro Galicia caía derrotada ante o Kilconly por un marcador de 1-6 (9) e 2-6 (12).

Nunha semifinal disputadísima, o combinado galego metíase na final ao superar ao St. Brendan’s con moito esforzo. Houbo que ir á prórroga. Foi un “partidazo épico” en palabras do adestrador, Alexandre Sanmartín.

Ao remate dese encontro e antes da disputa da final, o seleccionador galego explicaba que na semifinal contra St. Brendan’s fixeran “dúas remontadas e levamos o partido. Logo da prórroga os xogadores están desfondados e o rival ten máis cambios, pero estamos contentos”.

Sen embargo, xa na final, pesaron a acumulación de minutos nos galegos, que perdían contra Kilconly 0-6 (6) e 2-4 (10).

Palabras do adestrador

Ao final do torneo, Sanmartín facía balance do acontecido e amosaba a súa satisfacción polo subcampionato e por como se conseguiu: “Fixemos unha fase de grupos moi competida. Perdemos un partido por pouca marxe co Kilconly e gañamos outro por pouca marxe co equipo da Haia. Estivemos acertados na definición e o tiro a paus. Pasamos de segundos, xogamos contra os que, para min, eran os mellores do torneo”.

A selección feminina

O equipo feminino de Galicia acadou o subcampionato ao caer na final 1-6 (9) e 4-3 (15) contra do Mountbellew-Moylough.

Antes de chegar ao partido decisivo, a selección vencía ao Wanderers 1-7 (10) e 1-2 (5), caía co Erin’s Isle 1-3 (6) e 0-9 (9), e perdía contra o equipo co que disputaría a final, o Mountbellew-Moylough cun tanteo na fase de liga de 0-6 (6) e 0-7 (7). O 30-9 co que Galicia se impuxo ás locais do Den Haag fixo que o conxunto galego entrase na final grazas ao seu mellor goal average. Deuse un triplo empate e a mellor diferencia de goles meteunas no partido polo título.

O seleccionador galego, Pablo da Silva, explicaba ao final da competición que Galicia xogara “todo o torneo sen cambios, só cun partido polo medio de descanso. Enfrontámonos a equipos que levan 6-7 cambios. Vas acumulando cansazo e nótase”.

Antonella Larrascq, MVP

A xogadora galega do Turonia GFG Gondomar, Antonella Larrascq Álvarez, foi elixida xogadora máis valorada do partido na final feminina (MVP).

Antonella Larrascq foi a MVP da competición feminina.

Antonella Larrascq foi a MVP da competición feminina. / Ártabra

A deportista acaba de facer 18 anos e puido festexar en familia ese recoñecemento xa que ademais dela, fan parte da Selección Galega feminina de fútbol gaélico o seu pai, Juan Larrascq (segundo adestrador), e a súa nai, Silvia Rita Álvarez (xogadora).