O Duatlón de Vedra deixa o título masculino na casa, mentres que o feminino recae no Delikia

O mal tempo non impediu o rotundo éxito dunha nova cita correspondente ao Campionato Galego contra reloxo por equipos

O  equipo masculino do Olímpico de Vedra que logrou deixar o título na casa

O equipo masculino do Olímpico de Vedra que logrou deixar o título na casa / Concello de Vedra

Frío, choiva e vento, un cóctel que achegaba a sensación térmica aos cero graos foron as condicións coas que tiveron que loitar os máis de 90 equipos e 500 deportistas que un ano máis se deron cita este sábado na maior festa do dúatlon galego, que dende 2015 se celebra en Vedra, o dúatlon Concello de Vedra, que constitúe o Campionato Galego de Dúatlon contra o reloxo por equipos.

Neste 2024 a proba volvía as súas datas naturais do mes de marzo, logo de que no ano 2022 tivera que cambiar de data para o outono por mor da pandemia, facendo extensible esa data ao 2023.

No deportivo, os títulos de campións galegos estiveron moi disputados. O equipo masculino do Olímpico de Vedra, que non partía como favorito, logrou o título de campión galego. César Otero, Ismael García, Víctor Bouzón, Miguel Daporta e Adrián Picallo marcaron un contundente ritmo dende a saída, acendendo os ánimos dunha entregada afección local que non parou de animar a pesar das adversas condicións meteorolóxicas.

Na segunda posición, a 13 segundos dos campións, quedou o Delikia (Sergi Vañó, Damián Martínez, Martín Barreiro, Roi Álvarez e Alberto Fernández) e completou o podio o Triatlón Compostela, a 31 segundos, integrado por Diego Santiago, Daniel Vieito, David Cutrín, Jorge Ferradáns, Manuel Fraga e Pedro Liste.

Temén estivo disputada a proba feminina, onde o Delikia, integrado por Marta Alonso, Marta Pereira, María Muñíz, Marina González e Eva Piñel, lograba o seu primeiro título de campioas galegas. Subcampioas, a 1 minuto e 4 segundos, foron as compostelanas do Inforhouse Santiago ( Adriana Pensado, Miriam Trigo, Antía González, Alejandra Núñez, Julia Vaquero e Noelia Rey). Tampouco faltaron a súa cita co podio as locais Gabriela Quintás, Patricie Viadel, Gabriela Quintás e Andrea Espiño, que completaban o circuíto a 1 minuto e 36 segundos das gañadoras.

Antes do campionato galego tivo lugar a proba Open, na que en categoría masculina Compostela B (1º), Delikia B (2º) e Rías Baixas B (3º), ocupaban os 3 chanzos do podio, e en Open feminino o gañador era o Inforhouse B, seguido do Inforhouse C e o Mar de Vigo B.

A entrega de premios poñía colofón a unha difícil xornada, tanto a nivel competitivo como organizativo, pero que un ano máis se completaba con éxito, con presenza de máis de 90 equipos chegados de toda Galicia, e con un dispositivo integrado por máis de 80 voluntarios do Olímpico de Vedra, e membros de Protección Civil e do concello de Vedra, así como de empresas locais.