O piloto Luis Penido e o Concello de Santiago xuntan forzas para a prometedora tempada 2024

O compostelán quere revalidar o título nacional de montaña, chegar ao pódium europeo e pelexar no Mundial de Choches Eléctricos

O mini de Luis Penido competindo na Subida Internacional ao Fito da pasada tempada / Dani J. García

O mini de Luis Penido competindo na Subida Internacional ao Fito da pasada tempada / Dani J. García / André Couce

O vindeiro luns 15 de abril, ás 11.00 horas, celebrarase na Praza do Obradoiro o acto de presentación do recente acordo de patrocinio asinado entre o Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento Municipal de Deportes, e o Luis Penido Rally Team, con motivo da participación do equipo compostelán durante o ano 2024 en varios eventos automovilísticos dentro do Campionato de Europa de Montaña (FIA European Hill Climb Champioship), o Campionato de España de Montaña (RFEDA Autohebdo CEM) e tamén no Campionato do Mundo de Coches Eléctricos (Bridgestone FIA Eco Rally Cup).

Neste senso, a Concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, afirmou que “para o Concello este acordo supón unha excelente canle de difusión da súa imaxe e unha oportunidade para o desenvolvemento dun dos obxectivos principais do Concello, como é a promoción da actividade física e o deporte compostelán”.

A traxectoria deportiva do equipo, ao longo de máis de 25 anos, así como a do seu piloto, Luis Penido, recientemente galardoado como Mellor Deportista Masculino do 2023, determinan a idoneidade deste compromiso entre ambas entidades para a tempada 2024.

Por outra banda, o director deportivo do equipo, Daniel Blanco, quere agradecer a implicación do Concello de Santiago co deporte compostelán en xeral e co equipo en particular, xa que “acordos como este axudan a un equipo modesto como o noso a poder afrontar un proxecto deportivo máis ambicioso nos campionatos internacionais nos que competiremos este ano”.

O equipo seguirá colaborando co Concello na preservación do medio ambiente cunha nova cesión de árbores autóctonas galegas coas que pretende compensar a pegada de carbono das súas participacións deportivas.

Luis Penido mostrou o seu orgullo por poder levar a bandeira de Galicia e de Compostela por Europa adiante e promete “dar espectáculo alá por onde compitamos, intentando demostrar que os deportistas composteláns podemos codearnos cos mellores pilotos de Europa”.

No 2024 o equipo santiagués intentará revalidar o título nacional de montaña na sua categoría, acadado en 2022 e 2023, e cubrir un programa no Europeo de Montaña que o acerque ao pódium final da súa categoría. Adicionalmente, en septembro intentará acadar un bo resultado na proba do Mundial de Coches Eléctricos que se vai celebrar na Coruña e que pasará por Santiago de Compostela.