As Rutas Xacobeas de Padrón, penúltima parada do Cortizo na súa pelexa pola Copa de España

Os de Marcos Serrano buscan desafiar á historia

Acto de presentación das Rutas Xacobeas de Padrón

Acto de presentación das Rutas Xacobeas de Padrón / CEDIDA

A Copa de España Élite e Sub-23 baixará o telón esta fin de semana en Galicia, coas Rutas Xacobeas como primeira parada. O equipo Cortizo, anfitrión da proba, chega á penúltima carreira do campionato nacional con Dani Cavia ocupando o segundo posto da xeral a tan só 37 puntos do líder Haimar Etxeberria (Finisher). Padrón e Vigo repartirán os últimos 240 puntos en xogo, polo que os locais son conscientes de que terán que facer un gran papel nas Rutas Xacobeas o sábado na casa para chegar con opcións ó desenlace do domingo na dura proba da cidade olívica.

Aínda que a Copa de España xa cumpriu as súas vodas de prata, nin o Cortizo nin ningún outro equipo galego conseguiu o triunfo absoluto no campionato. Os de Marcos Serrano buscan desafiar á historia e son conscientes de que non será doado, pero apurarán ata a última pedalada, recoñece Dani Cavia, quen xunto con Vojetch Kminek, Hugo de la Calle, Samuel Flórez, Pablo Bonilla, José Luis Faura e Marc Torres completa o sete do equipo padronés, unha convocatoria con corredores potentes na montaña.