O Club Baloncesto Laracha, recibido no seu Concello polo ascenso a Primeira División

O rexedor municipal destacou que o equipo sénior feminino acadou “o maior éxito da historia recente do club”

Representantes do CB Laracha e do Concello no recibimento

Representantes do CB Laracha e do Concello no recibimento / CEDIDA

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu este venres no Concello á directiva, equipo técnico e xogadoras do Club Baloncesto Laracha – Clínica Noya Dental, flamantes subcampioas da 2ª división galega, o que tamén significa o ascenso a 1ª, onde militarán na próxima tempada.

O rexedor municipal destacou que o equipo sénior feminino acadou “o maior éxito da historia recente do club”, cunha traxectoria inmaculada durante toda a tempada, gañando os 22 partidos disputados entre as dúas primeiras fases e os da eliminatoria polo ascenso. Só perderon un, precisamente o último xogado e que decidiu o equipo campión.

López Varela tamén se referiu á importancia de que a metade do equipo estea formado por xogadoras larachesas e desexoulles os maiores éxitos para as campañas futuras.

Por último, o alcalde valorou o traballo que o C.B. Laracha está a facer desde a base e ata a categoría sénior, con 110 licencias en total neste ano repartidas en oito equipos, e expresou que “é un orgullo colaborar desde o Concello co club”.