Lectura deportiva

Repaso das catro décadas de tenis de mesa na Agrupación Deportiva Dubratambre

Diego Mayo presenta o venres no Colexio de Portomouro un libro que resume a historia da entidade, amosando os éxitos e a evolución da mesma ano tras ano dende a súa orixe

Podio de Equipos no Campionato Infantil e Xuvenil de Villarrobledo-Albacete,en 1997

Podio de Equipos no Campionato Infantil e Xuvenil de Villarrobledo-Albacete,en 1997

En 1984 seis pais da ANPA do Colexio de Educación de Portomouro (Val do Dubra) constituían oficialmente a Agrupación Deportiva Dubratambre. Manuel Corzón Fajín, Amador Vilacoba Suárez, Manuel Vázquez López, Juan Manuel Turnes Souto, Baldomero Amigo Abeledo e José Arturo Arnejo Domínguez xestaron o nacemento da entidade que este ano cumpriu catro décadas.

Dinamizar actividades físicas e deportivas entendidas na liña do deporte para todos e do tempo libre; favorecer o desenvolvemento de relacións profundas e maduras; favorecer o xogo, a diversión instrutiva e a actividade deportiva para a saúde; e fomentar, promocionar e divulgar a idea de actividade física e o deporte en xeral como medio ao servicio do pleno desenvolvemento da persoa eran os principios baixo os que nacía a agrupación de tenis de mesa, que anos despois conseguiría medallas de todos os metais en campionatos de España.

Con motivo deste 40 aniversario Diego Mayo, en colaboración cos concellos de Val do Dubra, A Baña e Santiago, lanza un libro no que recolle a evolución da entidade, amosando participacións en torneos, resultados, imaxes e noticias de cada un dos corenta anos de vida da AD Dubratambre. É dicir, un amplo resumo da súa historia.

“Quere ser o recoñecemento á actividade realizada ao longo deste período tanto polos deportistas coma polas súas familias e mesmo queda a obriga de rendirlles un profundo recoñecemento”, sinala o autor sobre a obra na introdución da mesma.

A publicación, que leva o mesmo nome que a AD Dubratambre, contará con catro actos de presentación pública. A primeira será este venres, 31 de maio, no Colexio de Portomouro (Val do Dubra), onde naceu a entidade. Despois farase outra presentación cada sete días, sempre un venres ás 21.00 horas. O 7 de xuño será no Espazo Sociocultural de Cabanas (A Baña), o venres 14 na Casa da Cultura de Bembibre (Val do Dubra) e o día 21 no Espazo Sociocultural de Troitosende (A Baña).