A cuarta edición do salón da enerxía Enerxétika chega hoxe ao recinto feiral de Silleda

SIE en Enerxétika 2022

SIE en Enerxétika 2022 / cedida

REDACCIÓN

O salón da enerxía Enerxétika desembarca hoxe por cuarto ano consecutivo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. Este ano como novidade tamén terá lugar a primeira feira de servizos municipais ExpoMunicipal. Ambos os dous eventos reunirán ata o sábado máis de medio milleiro de marcas que chegarán de 24 países. Dende a organización do evento contan con que as entidades estranxeiras suporán case un 10% do total.

A mostra estará repartida polos dous pavillóns principais, enchendo unha superficie neta conxunta de 7.441 metros cadrados. Ademais, o evento contará coa participación de máis dun cento de expertos.

O salón da enerxía conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, e experimentará un aumento de firmas presentes con respecto á última edición.

Por outra parte, ExpoMunicipal estréase no recinto con máis de 200 firmas expositoras de dezaoito países, das cales 71 de España, Portugal, Italia, Francia, Andorra e República Checa terán expositores propios na feira.

As cifras desta primeira edición dotan ao evento de perspectiva internacional pola presenza de varios países.