Entrevista | Marta González Candidata do PP ao Congreso pola Coruña

“Hai moita desesperación na esquerda porque ven que non poden cambiar o inevitable”

Marta González, tras a entrevista de onte

Marta González, tras a entrevista de onte / Jesús Prieto

A compostelá Marta González afronta as xerais do domingo co convencemento de que o PP logrará mobilizar os indecisos e que poderá gobernar sen hipotecas, grazas a un candidato “extraordinario” que, asegura, liderará o país con sentido común e moderación.

A falta de tres días para as eleccións, as enquisas, agás a do CIS, din que Feijóo vai gañar as eleccións, pero non con maioría absoluta. Tocou teito xa o PP?

Eu creo que non. Sabemos que moita xente decide o seu voto nas últimas horas, mesmo no día de reflexión, e que presta moita atención ao que ocorre ao final da campaña. Non sei de onde sae esa idea de que temos acadado o noso teito. Nós seguimos traballando coa mesma forza e queremos conseguir o mellor resultado para poder gobernar co noso propio programa.

Pero si que se lles ve menos eufóricos estes días. É estratexia?

A campaña é moi longa. Cada día é distinto, pero a ilusión, as ganas e o traballo no PP non se teñen modificado nada. É certo que no debate entre Feijóo e Sánchez foi tan evidente a superioridade do noso candidato que provocou unha explosión de alegría. Pero xa incluso dende o propio partido se nos enviou a mensaxe de que había que seguir traballando porque non hai nada conseguido e niso estamos.

Están resignados a gobernar con Vox?

Non, en absoluto. O noso obxectivo é gobernar por nós mesmos cun resultado que o permita.

Van necesitar falar con alguén...

Veremos que pasa. Sorpréndenos moito que esa pregunta non se lle faga a Pedro Sánchez.

El xa di abertamente que quere gobernar con Yolanda Díaz...

Si, con Yolanda, pero vaille chegar para gobernar falar só con Yolanda ou necesitaría moitos outros que van ter tres, catro, cinco... ata dez deputados? Diso non nos fala e iso é o máis importante. Nós mantemos a nosa aposta: Gobernar sós. Que despois haxa que falar con alguén mantémolo como opción posible, pero que non é desexable.

Calcúlase que hai case dous millóns de indecisos, sobre todo na esquerda, pero seguro que tamén hai moitos que dubidan entre votar ao PP ou a Vox. Que lles diría?

Esa dúbida non debería existir, tendo en conta que o PP presenta un candidato extraordinario, que ten una experiencia longuísima de goberno, que ten acadado catro maiorías absolutas en Galicia e que o que vai facer é gobernar con esa experiencia, con esa solidez e, sobre todo, con sentido común, tentando chegar a acordos en todas as materias, e, sobre todo, con moderación. A moderación é imprescindible para tentar gobernar un país de xeito eficaz.

Falando das inexactitudes de Feijóo tan comentadas na campaña. O fin xustifica os medios?

Teñen que estar moi desesperados no Partido Socialista para facer xirar todas as súas mensaxes sobre un pequeno erro sobre as pensións, chamándoo mentira, cando non había ningunha vontade de mentir a ninguén, porque, ademais, é un dato que é coñecido por moita xente. Dáme a impresión de que iso se sacou de quicio porque hai moita desesperación na esquerda e ven que irremediablemente teñen que aferrarse a un cravo ardendo porque non poden cambiar o que é inevitable para eles.

Esta semana perdemos a ocasión de ver a Feijóo debatendo con Sánchez, Díaz e Abascal...

Ese debate a catro non tiña demasiado sentido tendo en conta que o PSOE non vai conseguir o resultado que lle permita gobernar só con Sumar como socio. A proposta de debates ao tun tun que fixo Pedro Sánchez non nos interesa.

Quizais o que non lles interesaba era esa imaxe de Feijóo e Abascal como tique electoral da que falan Sánchez e Yolanda Díaz...

Sánchez ten asumido que el non vai conseguir unha gran vitoria, pero a nós ese reparto de “dous por aquí, dous por alí” non nos satisfai, porque non é real.

Vostede, persoalmente, de quen se sente máis próxima, de Vox ou do PSOE?

En materia de igualdade, a pesar dos disparates e dos desastres que supuxo esta legislatura en mans de Podemos, o certo é que co Partido Socialista temos chegado a acordos. Nesta materia polo menos, hai moitísima máis sintonía co PSOE que con Vox. E quedaríame aí, porque é a parte que máis coñezo.

Que pensa dun partido negacionista da violencia machista?

Non estou en absoluto de acordo coas súas propostas nesta materia e con outras materias vinculadas á área social. O feito de que eles teñan as súas propostas non fai variar as nosas. O PP foi quen sacou adiante o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2017, incorporando mil millóns de euros en cinco anos para loitar contra esta lacra, entre ouras iniciativas.

Sería esta unha liña vermella á hora de falar con Vox?

Non me gusta falar de liñas vermellas. Nós temos os nosos principios e temos actuado conforme a eles e os feitos indican claramente cal é a nosa posición nesta materia.

Xunto co negacionismo da violencia machista por parte de Vox, a lei do ‘só si é si’ foi outra das grandes polémicas da lexislatura. Ata que punto foi prexudicial para o Goberno de coalición?

Teño a sensación de que si, porque nos enganaron durante moito tempo. Esta lexislatura foi a das mentiras. Toda a tramitación da lei do ‘só si é si’ reflicte como nos foron mentindo. Foron dicindo que era una boa lei, que protexía as mulleres, ata que comezaron as reducións de condeas e algúns delincuentes sexuais comezaron a saír do cárcere. Despois, dixeron que os xuíces eran machistas e cando non houbo manera de agochar aquilo, decidiron que había que modificar a parte da lei que tiña que ver co Código Penal. Podemos e a ministra eran perfectamente conscientes de que con ese cambio se ían reducir as condeas e fixérono deliberadamente.

Falando de ministras, verémola a vostede ao fronte dun Ministerio se gaña Feijóo?

Non, en absoluto. Estou encantada de estar no Congreso, onde creo que facemos un labor importante.No BNG din que fan eles máis cun escano que vostedes con dez deputados galegos...O que fixo Néstor Rego foi regalarlle a investidura a Sánchez cun suposto acordo onde ían ir unha morea de cousas en beneficio de Galicia das que non vimos ningunha. A partir dun determinado momento, Pedro Sánchez ninguneou o BNG. Non quixo desgastarse entregándolle cousas a Galicia porque non lle interesaba electoralmente.

E se goberna o PP tamén vai quedar relegada Galicia, por iso de que un Goberno amigo non protesta tanto?

En absoluto. Se goberna Alberto Núñez Feijóo, Galicia estará sempre na súa cabeza, como demostrou o feito de que abrira a campaña nos Peares e a remate na Coruña.