Máis de 86.000 mozos galegos estrearán o dereito a voto o domingo

En total están chamados ás urnas 2.225.962 cidadáns en Galicia, dos que o 2,5% pediu o voto por correo // O censo electoral de persoas estranxeiras residentes aumenta

Colexio electoral nas anteriores eleccións municipais / ecg

Colexio electoral nas anteriores eleccións municipais / ecg / BELÉN TEIGA

Coa conta atrás xa en marcha para as eleccións municipais deste domingo, en Galicia están chamados a estrear o seu dereito a voto nas urnas 86.173 mozos, unha cifra que supón un aumento do 18,83%, fronte aos que votaron por primeira vez nos comicios de 2019.

En total, están citados para acudir aos seus colexios electorais un total de 2.225.962 cidadáns dos 313 concellos que compoñen a Comunidade. Destes, 9.400 persoas pertencen ao censo electoral de residentes estranxeiros, 191 máis que a última vez, o que supón unha suba do 2%. Así, rexístrase un descenso no censo de electores residentes, xaque poden votar 22.864 persoas menos.

En canto ao número de peticións formalizadas para poder votar por correo, son 55.179 as persoas que levaron a cabo esta solicitude de forma presencial nas oficinas de Correos ou en sede electrónica. Dos residentes temporalmente no estranxeiro, fixeron este trámite 109.

Deste xeito, os galegos poñerán nome e apelidos a 3.705 concelleiros e 108 postos de deputados repartidos entre as catro deputacións provinciais. Así mesmo, escolleranse oito postos de alcalde-pedáneo nas entidades de ámbito territorial inferior ao municipio.

Máis de 2.360 locais albergarán arredor de toda Galicia un total de 3.961 mesas e urnas, ademais de 2.360 cabinas. Ao fronte das mesas, estarán 11.883 membros escollidos entre a poboación, aos que se suman 2.580 representantes da administración e 7.209 membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que velarán porque a xornada transcorra con tranquilidade.

No dispositivo preparado para este domingo mobilizaranse, segundo sinala a propia Delegación do Goberno en Galicia, un total de 3,4 millóns de euros para os custos derivados de loxística e a seguridade no propio proceso electoral.