García Comesaña visitou Cee tras o anuncio de ampliación do Hospital Virxe da Xunqueira

Mabel Fernández, Julio García Comesaña e Jesús Picallo, en Cee / PP

Mabel Fernández, Julio García Comesaña e Jesús Picallo, en Cee / PP / J. M. rAMOS

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou Cee este venres para arroupar ao candidato do Partido Popular á alcaldía, Jesús Picallo, despois de que a Xunta anunciase a ampliación do Hospital Virxe da Xunqueira, na que se investirán 1,2 millóns de euros.

Picallo Santos asegurou que “esta é unha noticia moi importante para Cee e para a súa comarca, e hoxe puiden trasladarlle un agradecemento especial ao conselleiro”.

O alcaldable sinalou ademais que a execución da referida obra permitirá dar “unha mellor cobertura á atención hospitalaria na área sanitaria de A Coruña e Cee”.

Desde o PP de Cee, engadiu, “buscamos opcións e solucións. O noso obxectivo é velar polo benestar da nosa veciñanza e esta intervención é intrínseca ao proxecto do partido”.

Pola súa banda, García Comesaña loou “a firmeza coa que Jesús Picallo defende as necesidades sanitarias e sociais da veciñanza de Cee e tamén da Costa da Morte, trasladando inquedanzas e problemas para tratar de buscar solucións”.