O BNG de Carballo impulsará unha comunidade enerxética para autoconsumo compartido

O alcalde, á esquerda, presentando o proxecto / bng carballo

O alcalde, á esquerda, presentando o proxecto / bng carballo / J. M. r.

J. M. r.

Avanzar cara unha transición enerxética segura, xusta e inclusiva é un dos obxectivos do BNG de Carballo, que xa vén traballando dende o Concello na posta en marcha da primeira comunidade enerxética local como instrumento idóneo para responder aos retos do cambio climático, á vez que se desenvolve un modelo de empresa de economía social con participación directa da cidadanía.

As comunidades enerxéticas locais son, segundo subliñan dende o BNG, entidades xurídicas, formadas por unha agrupación de socios que, voluntariamente e con participación cooperativa, establecen os seus obxectivos na obtención de beneficios enerxéticos, sociais, ambientais e económicos para os membros da comunidade. Poden incluír veciños, empresas e administracións públicas.

Para a formación nacionalista “a creación desta comunidade supón un compromiso coa sustentabilidade e a acción social cooperativa, pero tamén xera unha oportunidade para mitigar a pegada ecolóxica municipal a través da participación de edificios e instalacións municipais dentro da comunidade enerxética”.

De seguir á fronte do goberno carballés, o equipo que lidera o alcalde Evencio Ferrero comprométese a “facilitar a creación da comunidade, achegar aqueles edificios que sexan aptos para a instalación de enerxías renovables e ser o axente de difusión e concienciación da veciñanza”.