ELECCIÓNS MUNICIPAIS 28M | Beatriz Estévez Candidata á Alcaldía polo Partido Galego

“No PG sabemos que temos a posibilidade real de traer a Copa Davis a Santiago”

Beatriz Estévez, avogada e profesora, preséntase á Alcaldía polo Partido Galeguista / pg

Beatriz Estévez, avogada e profesora, preséntase á Alcaldía polo Partido Galeguista / pg / Ana Triñáns

Ana Triñáns

O Partido Galego (PG), que concorre ás eleccións do 28-M celebrou no serán do xoves o seu acto central de campaña, no Restaurante Paz Nogueira, no Castiñeiriño. EL CORREO conversou con Beatriz Estévez, a súa candidata sobre os problemas que ven na cidade e as propostas que teñen para mellorala.

Sobre a motivación para presentar a candidatura do PG, “herdeiro do Partido Galeguista”, ás municipais, Estévez teno claro, “a cidadanía ten que saber que hai máis de catro opcións e que cada catro anos podemos botalos fóra, poden botarnos fóra”, destaca a candidata. “Hai unha concepción pervertida na que parece que os políticos son os donos, cando son os servidores”, afirma, “o que nos di a veciñanza é que no Concello hai prepotencia e mala educación”. “Nós non queremos facer da política a nosa fonte de ingresos, porque afortunadamente temos as nosas profesións, cando fagamos o noso traballo haberá quen nos substitúa”, recalca Beatriz Estévez.

“No PG sabemos que temos a posibilidade real de traer a Santiago a Copa Davis, pois o noso presidente tamén o é da Federación Galega de Tenis e veo viable, pero entre tanta mentira a xente pensa que o político mente”. Explica Estévez en relación ás “propostas desorbitadas” doutras formacións políticas.

Estévez ve necesario superar as fendas que ten a cidade en canto a vivenda, transporte e industria. “Temos que chegar aos 100.000 habitantes e non chegamos porque hai que apostar polo traballo e pola vivenda para que o estudantado quede a vivir na cidade, por exemplo”.

Estévez destácase das demais formacións porque “a nosa campaña non lle custou nada ao contribuínte” e a firma que o vindeiro domingo “temos boas espectativas, dannos ata dous edís”.