Sheila Rial incorporará políticas de igualdade en todos os ámbitos se acada o goberno local de Zas

Avoga por un maior apoio aos agricultores e gandeiros // O turismo e potenciar o uso dos espazos deportivos son outros dos seus retos

Sheila Rial dirixíndose aos asistentes a o mitin de peche de campaña dos socialistas de Zas / PSdeG-PSOE

Sheila Rial dirixíndose aos asistentes a o mitin de peche de campaña dos socialistas de Zas / PSdeG-PSOE / J. M. RAMOS

A candidata do PSdeG-PSOE de Zas, Sheilar Rial Mata, puxo o peche á campaña cun mitin no que estivo acompañada polo secretario xeral provincial, Bernardo Fernández; a vicevoceira no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo; e a secretaria de Desenvolvemento Rural do partido, Rosa Arcos. Rial Mata destacou o proceso de escoita levado a cabo nas últimas semanas: “queremos o mellor para Zas, e entendemos que as nosas propostas teñen que ser as vosas”, afirmou. “Vimos para acabar con esa clase de, chámanlle política, que funciona a base de persecucións, trabas intencionadas en trámites administrativos e ameazas que a día de hoxe, a pesar de estar no ano 2023, segue existindo, e non se pode permitir”, sinalou en alusións ao goberno local.

A socialista fixo especial fincapé na igualdade de xénero no seu programa. “Queremos e imos incorporar a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas, incluíndo cláusulas en favor da igualdade laboral”. Tamén sinalou o obxectivo de que “os nosos agricultores e gandeiros se sintan respaldados e que Zas sexa un concello punteiro neste aspecto, que nos sirva para atraer relevo xeracional e novos empregos”.

En referencia ao goberno local, Rial Mata dixo que, de ser elixida alcaldesa, “coidaremos os viais, desbroces e reparacións de bens públicos ano a ano e non só o mes antes das eleccións”. Destacou así mesmo a necesidade de impulsar a colaboración con asociacións, do apoio aos novos emprendedores, de fomentar o turismo ou de potenciar o uso dos espazos deportivos.

A candidata socialista á alcaldía zaense rematou a súa intervención recalcando a súa vontade de “traballar arreo, ano a ano, día a día, por conseguir o mellor para Zas”.

Pola súa banda, o secretario provincial do partido, Bernardo Fernández, amosouse convencido de que Rial Mata “vai ser alcaldesa desta vila”, logrando así que Zas saia “do aletargamento no que leva sumido estes últimos anos como consecuencia das maiorías absolutas do BNG”.

O secretario xeral provincial sinalou que, “tras quince días percorrendo o seu concello e explicando o seu proxecto”, a veciñanza “soubo identificar en Sheila a alguén que ten a capacidade de garantir o mellor futuro para Zas”. “As expectativas electorais son moi altas”, recalcou.