Fundación Galega contra o Narcotráfico

Fernando Alonso: “A idade de inicio no consumo de cocaína é de 15 anos de media”

Un grupo de rapaces participantes no programa EuSaúde.  Fundación galega contra o narcotráfico

Un grupo de rapaces participantes no programa EuSaúde. Fundación galega contra o narcotráfico

En Galicia hai xa anos que non se ven xiringas polo chan, nin mozos tirados na rúa por causa dunha sobredose. O consumo de drogas xa non é un problema tan perceptible como naquel entón, pero continúa a estar detrás de moitos problemas que vemos a diario na nosa sociedade “como a vaga de violencia existente no ocio nocturno, afeccións de saúde mental ou accidentes de tráfico que en moitos casos sempre veñen acompañados polo consumo de sustancias”, explica Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

Firma da bandeira contra a droga nun dos encontros deportivos. Fundación galega contra o narcotráfico

Firma da bandeira contra a droga nun dos encontros deportivos. Fundación galega contra o narcotráfico

Unha introducción no consumo de estupefacientes, que, segundo os indicadores, se da cada vez en idades máis temperás. “A idade de inicio no consumo de cocaína é de 15,3 anos de media, unha barbaridade. De alcohol e tabaco os 14 e de cannabis 14,9, ten que haber unha alternativa para os xóvenes”, sentencia Alonso.

Na preocupación por buscar esa alternativa de ocio saudable para a mocidade, a Fundación ven traballando hai anos en programas de prevención dirixidos ao estudantado de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) e Bacharelato. Un traballo no que manteñen unha estreita colaboración coa Consellería de Sanidade, con quen os responsables da organización mantiveron unha xuntanza o pasado venres, ao que tamén asistiu a directora xeral de Saúde Pública, para dar conta dos tres diferentes programas de prevención que se están a levar a cabo, e que teñen como eixos vertebradores: o deporte e a cultura.

O primeiro deles é o plan Eu Saúde, no que traballan en colaboración cos centros educativos, a través da dirección dos mesmos e o profesorado de educación física. “O obxectivo é precisamente promover a práctica deportiva e en última instancia demostrar que non só é posible ter actividade de ocio saudable, senón que ademais é divertida e moi enriquecedora, polos valores que ten o deporte, que che fai crecer como persoa non só fisicamente”, recalca o responsable da Fundación. Un programa no que colaboran ademais deportistas galegos de alto nivel grazas á Secretaría Xeral para o Deporte.

O segundo busca a promoción da creación cultural entre os mozos e mozas, porque segundo explica Alonso: “A arte e a cultura fainos mellores persoas, entón o que tratamos de promover é a creación artística como xeito de ocio saudable, unha forma intelixente de empregar o tempo libre”. Un traballo, o do plan SaudArte, que realizan tamén en colaboración cos centros educativos e que xera unha gran ilusión nos rapaces, xa que grazas ao programa poden expoñer as súas obras en salas como a de exposicións do Auditorio de Vilagarcía de Arousa todos os anos, ou no Pazo de Torrado en Cambados, onde realizarán unha mostra no próximo mes de abril.

O terceiro dos programas está xa dirixido ao alumnado das tres universidades galegas é ten por nome Volante Cero. Neste caso, o que se busca non é tanto a recomendación do non consumo, senón que en caso de habelo se afasten do volante o máximo posible. “Un tema importantísimo que levamos a cabo en colaboración coa DGT, coa Garda Civil, coa asociación ASPAYM de lesionados medulares e coas tres universidades galegas, e que retomaremos este ano xa que ata o de agora polo tema das restricións non se podían levar a cabo este tipo de intervencións, e este ano darémoslle un impulso especial”, aclara Alonso.

Maior sensibilización.

”Galicia, en contra do que venden os medios de comunicación estatais, é unha comunidade cuxa sociedade está moi sensibilizada contra o narcotráfico. Pero é importante seguir afondando niso porque aínda queda moito traballo por levar a cabo”, di o xestor da Fundación.

Na comunidade, a sociedade civil tras anos de loita conseguiu rachar coa impunidade do narco hai anos e que hoxe en día “traballan na máis absoluta clandestinidade, afastados dunha sociedade que os rexeita”. Non obstante na actualidade existe o que os expertos coñecen como ‘banalización do consumo’, o que supón que non exista unha clara percepción do risco porque o consumo está interiorizado. “Ocorre como co caso do alcohol; que o que da a sensación é que hai que beber para divertirse, e non é preciso consumir para divertirse”, explica Alonso.

É por iso que dende a Fundación sinalan que “dende a prevención e a sensibilización parécenos moi importante seguir mantendo vivo o lume do inconformismo coa situación actual”, nun contexto ademais no que o mundo discográfico e televisivo afondan nesa frivolización do mundo dos estupefacientes.

É o caso das series sobre o mundo do narcotráfico en Galicia, “na que se retratan situacións cunha alegría e unha lixereza, que para nós que coñecemos o problema, nos parece máis que perigosa”, comenta Alonso, a quen algún rapaz tenlle comentado tras visionar algún destes programas que se queren dedicar a iso, “ser o guapo da película e con moitos cartos”.

“É un despropósito absoluto, e é o que fai que despois haxa eses percorridos cuase turísticos en varias localidades da Ría de Arousa, porque hai unha lixeireza absoluta ao tratar o tema” sentencia o xestor. “Dende o punto de vista da prevención é unha irresponsabilidade tremenda, eu penso que se poden facer series televisivas dun gran empaque e que teñan moita audiencia sen necesidade de romantizar e banalizar esta realidade, sen mostrar a cara B, das familias arruinadas polo consumo dos fillos das drogas que lle facilitaron estes señores”. Unha cara B que dende a Fundación traballan por visibilizar e confrontar con actividades que lles amosen á xuventude que hai outras saídas, como a que realizarán o próximo venres 24 en Ribeira co programa deportivo Eu Saúde no que participarán mozos de Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Rianxo y Ribeira.