Falece aos 87 anos o escritor e membro da RAG Salvador García-Bodaño

Fillo adoptivo e medalla de ouro de Santiago, foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, onde se instalará a capela ardente para velar os seus restos mortais.

Salvador Garcia-Bodaño nun vídeo de 2020 colgado na súa web.

Salvador Garcia-Bodaño nun vídeo de 2020 colgado na súa web.

Redacción

Fontes próximas á familia veñen de confirmar a El Correo Gallego o pasamento do intelectual Salvador García-Bodaño Zunzunegui aos 87 anos de idade na súa residencia de Teo. Nado no barrio olívico de Teis, con tan só un mes de idade García-Bodaño trasladouse coa familia a Compostela, cidade na que se formou intelectualmente coa influencia de Carlos Maside e Ramón Piñeiro. Así o contaba el mesmo na súa web:

"Para min todo comezou na cidade de Vigo, é dicir, alí se iniciou todo ese minucioso e abrumador relato existencial, máis curto ou máis longo, máis ou menos feliz, do que non se libra ninguén (...) direi, cunha maior precisión, que o feito de eu saír a esta vida (...) tivo lugar en Teis, no número 121 antigo da rúa de Sanxurxo Badía, na media noite do dezaseis ao dazasete dun mes de xullo de hai xa un disparate de anos, poñamos, sen a menor dúbida, que a data foi a de 1935...

Cando nin contaba un mes, os meus pais leváronme para Compostela (...) e, naturalmente, por entón eu andaba moi lonxe de saber que había de ser escritor."

Salvador García-Bodaño formou parte do nexo iniciador da histórica Xeración das Festas Minervais xunto a grandes nomes das nosas letras como Uxío Novoneyra, Manuel María, Xohana Torres ou Xosé Luis Méndez Ferrín. De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, colaborou en diferentes revistas, como Teima, e volumes de homenaxes, realizou numerosas colaboracións literarias e mantivo unha intensa produción xornalística.

Versos de "Tempo de Compostela" (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega.

Versos de "Tempo de Compostela" (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. / Real Academia Galega

García-Bodaño é autor de oito libros de poesía, entre eles Tempo de Compostela (1978, Edicións do Cerne), traducida ao italiano e recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. Santiago de Compostela foi tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, o conxunto de relatos Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua gallega en 1993. García-Bodaño tamén cultivou o ensaio e a tradución ao galego de obras como Viaxe por Galicia 1837, de George Borrow (1993, Edicións Xerais de Galicia).

Ademais da creación literaria, García-Bodaño exerceu a crítica literaria e de arte, así coma o xénero biográfico profundando na obra e na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira.

A relación coa prensa foi outra constante na súa traxectoria. Nos anos 60 coordinou a sección "Páxina de Letras" de El Correo Gallego, onde máis adiante mantivo durante moito tempo a columna dominical "No pasar dos días" sobre temas culturais e de actualidade.

A proposta de Antón Fraguas, Constantino García e Andrés Torres Queiruga, ingresou como membro numerario na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1992, pronunciando o discurso Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, respondido por Carlos Casares. Foi vicesecretario desa institución durante dous períodos consecutivos, de 2001 a 2009.

Activismo durante a ditadura

O académico foi un destacado animador de proxectos culturais desde a xuventude e comprometeuse politicamente a favor da democracia durante o franquismo. Entre outras actividades, foi fundador da Asociación Cultural O Galo (1961), pioneira na reivindicación da lingua e cultura galegas.

Nos primeiros anos 60 formou ademais parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor na clandestinidade do Partido Socialista Galego (1963), do que foi secretario de información e propaganda.

Entre as imaxes para a historia das letras contemporáneas galegas queda xa a fotografía que protagonizou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no salón de Fonseca xunto a Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares. Os catro participaron no recital de homenaxe a Rosalía de Castro.

Xa en democracia, en 1980 foi cofundador e elixido membro directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega, e presidente do Ateneo de Santiago de Compostela. Foi tamén membro do novo Seminario de Estudios Galegos, patrón-fundador do Museo do Pobo Galego García-Bodaño, onde se instalará a capela ardente para velar os seus restos mortais. e cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI) uo membro do patronato da Fundación Pedrón de Ouro.

A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012). Na súa Compostela de acollida, nos últimos anos os seus sus versos inscribíronse no Xardín das Pedras da Biblioteca da USC (2020) e foi nomeado presidente honorario do Ateneo de Santiago (2021).

Reaccións institucionais e da sociedade civil ao seu pasamento

Nun comunicado remitido aos medios, a RAG destaca que García-Bodaño foi unha das figuras máis destacadas e renovadoras da promoción dos 50. "Soubo, como poucos, alzar a voz e, en tempos ben miserables, facer do canto unha canle liberadora, autentificadora", en palabras do seu compañeiro de xeración e tamén académico Arcadio López-Casanova (1942-2022).

Ademais da RAG, son moitas as voces que están a expresar o seu fondo pesar polo pasamento de Salvador García-Bodaño Zunzunegui. Entre elas, a do alcalde de Santiago, que publicou un chío tras coñecerse a noticia cunha mensaxe de condolencia acompañada dunha foto con García-Bodaño.

Ademais do Concello de Santiago, as editoriais Xerais e Galaxia, a cineasta e xornalista Margarita Ledo Andión, a Asociación Galega de Editoras, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Uxío Novoneyra ou a Fundación Pública Gallega Camilo José Cela amosaron xa o seu pesar nas redes polo falecemento de García-Bodaño.