Catro anos esperando a que se resolva a súa oposición: “Os ánimos están baixos”

Sociosanitarios e bombeiros forestais non saben cando se resolverán os procesos iniciados en 2019 // Apuntan ás dificultades económicas e incertidume na que viven

Sociosanitarios e bombeiros forestais esixen a resolución das oposicións feitas en 2021

Redacción

O proceso selectivo de centenares de profesionais sociosanitarios e bombeiros forestais, iniciado en 2019, continúa aberto e sen data para a súa resolución. Unha situación que fai que non podan ocupar os seus postos na Administración Pública e que está empezando rematar coa paciencia dos afectados que, en ocasións, non están a ter ingresos.

“Os ánimos están baixos e non temos vistas de que isto vaia solucionarse cedo”, sinala Anxo Carras, bombeiro forestal que acudiu o mércores á concentración convocada pola Plataforma de Afectados OPE 2019 fronte ao Parlamento de Galicia, en Santiago, para esixir a resolución das súas probas. “O exame foi en novembro de 2021, levamos máis dun ano e medio esperando”, explica.

O bombeiro forestal, que está actualmente como interino, recorda que “agora vén a nosa temporada forte de traballo, xa que se achega o verán”. “Hai compañeiros que non están traballando e todo isto afecta moito animicamente, porque eu dubido que os responsables teñan algún tipo de vontade en solucionar isto”, sinala.

Situación similar é a do persoal sociosanitario, onde a técnica de auxiliar de enfermería Salomé López remarca que “o único avance que houbo este ano foi que nos pasaron a lista definitiva de méritos”. Un tempo que a sociosanitaria conta con que se alongue, posto que “todo apunta a que no mes de outubro sairá a lista de destinos, pero que non empezaremos a traballar ata o ano que vén”.

López destaca que nivel económico “estamos perdendo moito diñeiro e todo isto, estar esperando, produce moito malestar no día a día”. “Podería estar moi cerca de cobrar a carreira profesional, que son cinco anos”, sentenza a técnica de auxiliar de enfermería.

OUTRA PREOCUPACIÓN

Consolidación do persoal interino

Os profesionais dos colectivos afectados pola demora da resolución da Oferta de Emprego Público de 2019 denuncian que agora se prioricen as prazas para os procesos de estabilización dos traballadores, tras o aviso da Unión Europea a España pola alta proporción de persoal interino,sostida no tempo. Estas prazas que buscan terminar coa temporalidade na administración van por méritos, o que favorece ás persoas que levan máis tempo no seus postos.

A esta circunstancia tamén se engade, no caso dos auxiliares de enfermería dos centros sociosanitarios (TCAE) de Galicia, a problemática do concurso de traslados, que leva posposta dende o ano 2012. “Hai unha convocatoria posterior á nosa para cubir 54 prazas na mesma categoría e tamén hai outras dúas para a consolidación de persoal que se atopan abertas”, recalca López. Así mesmo, a profesional sociosanitaria puntualiza que “ todo isto ocorre, claro, sen ter pechados os procesos anteriores como é noso”.