O futuro do rural galego pasa por fixar máis poboación que viva e traballe nel

O Foro ‘Unha ollada ao presente e futuro do Medio Rural’, organizado por EL CORREO GALLEGO, incide na necesidade de xestionar as terras para que non queden improdutivas, máis alá da despoboación

O futuro do rural galego pasa por fixar máis poboación que viva e traballe nel

O futuro do rural galego pasa por fixar máis poboación que viva e traballe nel / xosé ramón r. iglesias

Analizar a situación xeral en que se atopa o medio rural galego e as súas crises practicamente endémicas, así como as principais ameazas para este espazo vital da nosa comunidade que supoñen fenómenos como o despoboamento e os lumes forestais, foi o obxecto do foro organizado por El CORREO GALLEGO baixo o tema ‘Unha ollada ao presente e futuro do medio rural’. Nel participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; Jaboco Feijoo Lamas, membro do padroado da Fundación Arume, e o secretario de coordinación sectorial de Unións Agrarias, Félix Porto, que concluiron que pouco se poderá facer polo futuro deste medio se non se dignifica a vida do campo e se logra fixar poboación que habite e desempeñe o seu traballo nel.

Como primeira diagnose, Manuel Rodríguez sinalou que “por unha parte, temos o monte máis produtor de madeira de historia, nunca se produciran tantas toneladas de madeira en Galicia como nestes últimos anos, máis do cincuenta por cento do producido en España. Son cifras de récord. Pero, por outra, tamén temos convertidas en matogueiras moitas das antigas terras agrarias, o que orixina problemas na loita contra o lume. Estamos nesa disxuntiva, temos o monte máis produtivo da historia, pero tamén temos unha biomasa que hai que xestionar adecuadamente para non ter problemas pola virulencia dos lumes”.

Jacobo Feijoo, pola súa parte, destacou que “o noso sector forestal vive un momento moi potente, xa que producimos un pouco máis da metade da madeira de toda España con apenas o oito por cento da superficie forestal nacional. E aínda así non estamos aproveitando todas as nosas potencialidades”. Para este membro da Fundación Arume, “no noso monte se vemos a distribución dos grupos de especies, temos máis frondosas das que esperábamos en superficie, pero con todo apenas aproveitamos un cinco por cento delas. Aí temos unha grande área de traballo. Como tamén no tema fitosanitario temos que traballar moitísimo porque o cambio climático está sendo unha realidade cada vez máis evidente, cada vez hai máis doenzas no monte, máis pragas e enfermidades. Un exemplo disto pode ser o que pasou esta campaña coa castaña”. Como resumo, a súa posición é que “o monte galego é unha gran realidade, pero temos aínda moitas potencialidades nas que traballar e temos tamén moitos riscos e ameazas, entre eles o lume, obviamente, que temos que saber previr”.

O terceiro en intervir, Félix Porto, fixo unha introdución na que dixo que “hai que evitar facer demagoxia e traballar todos xuntos para solucionar os problemas, que son moitos e complexos. Cando se fala da situación do monte, se fala de ordenación do solo e non se pode falar ailladamente do monte. Todo o que está sucedendo no rural hai que tratalo como un todo e dentro dese todo ten que estar a parte forestal”. Ao seu entender, “non sería entendible traballar en contra do lume se non tivéramos en conta que é fundamental frear este despoboamento que estamos sufrindo”. E neste apartado, parouse a analizar polo miúdo como é a realidade do rural da nosa comunidade. “Galicia ten 32.000 núcleos de poboación. En dous mil non hai habitantes; ademais, case trece mil núcleos de poboación teñen menos de dez habitantes e no 50 por cento destes as xentes teñen máis de 65 anos de idade. Neste contexto e cando hai situacións climáticas extremas é practicamente imposible, por moitos cartos que se invirtan, parar os incendios forestais”, indicou o representante de Unións Agrarias, que engadiu que, “polo tanto, é fundamental que exista a protección que ofrece a profesionalización da agricultura e da gandería, o labor que fan para evitar lumes. E, sobre todo, é fundamental rexuvenecer a nosa poboación no rural. Hai que buscar as fórmulas para facer atractivo o rural para que se asente poboación alí. Hai que facer rendibles as explotacións. Temos que facer que toda a normativa que ven da Unión Europea non impacte de forma negativa no noso rural. Todo isto para evitar o abandono que automáticamente significa lume”.

Precisamente, sobre o abandono do rural abundou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, quen explicou que “non se trata só de que a xente viva no rural, senón de que viva do rural. A terra non pode estar sen traballar. E aquí non está a vinculación entre despoboación e terras abandonadas. Soria e Teruel son das zonas con menos densidade de poboación de España, pero non arden porque o monte non está abandonado. Hai pouca poboación, pero o monte está xestionado. En Galicia, en cambio, o despoboamento vai vinculado co abandono das terras. É un problema singular que temos aquí no Noroeste. Ourense, que é a provincia que máis arde, ten unha densidade de poboación por riba dos cuarenta habitantes por quilómetro cuadrado, pero arde porque a terra esta sen uso”.

“Necesariamente –volveu insistir Félix Porto– ten que haber un relevo xeracional no rural, temos que darlle un atractivo ao medio rural para que os mozos se queden. Se non teñen uns ingresos que lles permitan vivir dignamente do seu traballo no rural, acaban por irse”. E incidiu nesta idea desde unha perspectiva política, onde o poder debe “apostar por servizos no rural, que ocupa o ochenta por cento do territorio de España, pero só conta co vinte por cento da poboación”, e mesmo social, destacando que “a xente tense que dar conta do gran valor do medio rural neste país para non perder a agricultura e a gandería familiares, por exemplo. Están desaparecendo miles de explotacións que fan un labor fundamental no medio rural e que son necesarios alí”.

A esta proposta sumouse Manuel Rodríguez, que advertíu que “antes os lumes non eran grandes porque ese bombeiro preventivo era o gandeiro e o agricultor. O terreo estaba traballado. Este é o factor diferencial do Noroeste peninsular, que o despoboamento vai vinculado ao abandono das explotacións. Non hai sucesión nas explotacións para que a terra estea sempre traballada. Este é o principal problema, porque non ten unha fácil solución a corto prazo. Ningún país se pode permitir ter terra que non estea producindo ou que non estea xestionada. A falta de xestión é o que fai que os lumes sexan máis virulentos”.

E o director xeral tamén falou da necesidade de que a administración mova ficha, en comunión con todos os sectotes afectados, mesmo coa poboación en xeral, para promover os cambios que fagan que o noso rural poda ollar con optimismo ao futuro. “O rural está cambiando e agora temos que tomar decisións estruturais, non só conxunturais, que afectan á propiedade. Temos que revisar o noso xeito de estar no territorio. O medio rural tería que estar xestionado polos seus propietarios, pero moitas veces non poden se carecen dunha actividade produtiva. Hai que tomar medidas neste campo e isto é xestión do territorio”, dixo.

“Neste sentido –engadiu– temos que facer un esforzo colectivo, todas as administracións e todos os propietarios, para asumir en Galicia que a xestión da terra é un deber inescusable. Se non a pode facer o titular, terá que facela outra persoa ou outra administración. Pero ata que punto estamos dispostos os galegos, que somos unha sociedade urbana, a tomar decisións sobre o medio rural e a gastar parte dos impostos desa sociedade urbana no medio rural? A próxima xeración está obrigada a afrontar esta pregunta”.

Aquí Jacobo Feijoo mergullouse nas profundidades seculares das orixes do minifundismo, un dos problemas tamén do medio rural galego. “Partimos dunha situación moi complexa. Galicia ten máis de trinta mil núcleos de poboación, isto non ten comparación con ningunha outra zona de España. Temos catalogados máis de cinco mil castros, o que quere dicir que desde antes dos romanos Galicia xa tiña unha ocupación do territorio moi intensiva. Pero a día de hoxe as propiedades particulares aínda son dunha enorme complexidade porque son microparcelas. Pero aínda así, destas miroparcelas sae o ochenta por cento da madeira de Galicia, o cuarenta por cento da madeira de toda España. E inda así estamos por baixo do que podemos aproveitar, poderíamos ser todavía máis eficientes”, expuso.

Neste sentido, alertou de que “agora mesmo temos seiscentas mil hectáreas que son forestais pero que non teñen aproveitamento. Temos eses miles de hectáreas de frondosas das que só aproveitamos o cinco por cento. Aparte do valor ambiental que teñen, temos que conseguir que teñan tamén un valor económico. Vemos que temos un montón de retos e posibilidades nos que non partimos de cero”. Isto no ámbito forestal. Sobre o agrario asegurou que “para ter a protección contra o lume necesitamos agricultores e gandeiros en activo. Ao final, no territorio, os prados, os cultivos, os pastos, as terras de labor son o mellor cortalumes natural que hai, impiden a extensión das zonas de abandono, de grandes zonas de matos continuas. Aillan zonas, en caso de incendios permiten que o territorio estea estruturalmente defendido”.

Na súa opinión, “para acabar co abandono, que é o maior enemigo do medio rural, hai que tomar medidas fiscais, políticas e administrativas”.

Sobre as labores de prevención de incendios, tendo en conta as características que nestes momentos ten o medio rural galego, que obviamente non son as máis desexabeis, Manuel Rodríguez recordou que “a prevención é algo máis que unha persoa desbrozando no monte, como de xeito xeral alguén poidera pensar. Prevención é ter o territorio estruturado e xestionado. Esta é a principal ferramenta. Fai máis prevención un gandeiro que ningunha máquina de desbrozar que poidamos ter no monte. E, despois, as ferramentas preventicas obvias, os cortalumes e os puntos de auga coidados e atendidos”.

Neste punto, desde a perspectiva sindical, Félix Porto volvía sobre a súa idea inicial de que “falar de xesión forestal é falar do conxunto do territorio rural. Se cada vez temos menos explotacións gandeiras ou agrícolas, cada vez teremos menos propietarios que xestionen biomasa do monte. É un perigo, hai un nexo de unión moi claro”.

Finalmente, Jacobo Feijoo sinalou tres niveis de prevención, o territorial, coa agricultura e a gandería; o forestal, sobre a densidade adecuada das masas; e o poblacional, para evitar o abandono dos núcleos.

"Cada galego que compre un queixo nun supermercado está apagando un lume"

“Cada galego que compre
un queixo nun supermercado está apagando un lume”

De esquerda á dereita, Félix Porto, Manuel Rodríguez e Jacobo Feijoo / Antonio Hernández

A modo de conclusión, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, pechou a súa participación no foro ‘Unha ollada ao presente e futuro do medio rural’ con esta curiosa reflexión: “Cada galego que vai ao supermercado a comprar un litro de leite está apagando un lume. Cando merca un queixo de Arzúa, de tetilla o un San Simón, está apagando un lume, cando compra un iogurt ou un quilo de tenreira galega, está apagando un lume. Sei que sona a unha frase bonita, pero é así. Comprar produto da terra é darlle valor á producción dese gandeiro que está facendo de bombeiro. Iso é algo que está na nosa man. Ben sei que parece un xesto simplemente afectivo, pero no é así, é algo certo”.

“Vivimos nun mercado globalizado –agregou– onde os nosos labregos, os nosos agricultores e gandeiros compiten con produtores de todo o mundo, e non só de Europa. O factor prezo é o factor importante á hora de vivir na sociedade e ese produto galego de proximidade, que aínda por riba é de maior calidade, é unha das ferramentas de loita contra o lume. Se se facilita que o gandeiro poida vivir da súa produción, non malvivir, senón vivir ben dela, o rural terá futuro. Pero neste Noroeste non sempre é fácil producir coa mesma rendibilidade que noutras partes de Europa”.

E, afondando neste argumento, Manuel Rodríguez mandou unha mensaxe á sociedade ao destacar que “os galegos temos que ser conscientes de que cada xesto que fagamos cando imos a un supermercado pode supor apagar un lume”. E, logo, tamén puxo deberes á administración autonómica: “Dentro da capacidade normativa que ten a Xunta de Galicia, creo que o camiño se empezou a seguir hai anos, pero ten que persistir e temos cun xesto claro abondar na xestión conxunta das propiedades forestais. A xente ten que vivir ben das explotacións agrarias e hai que pór as terras a disposición dos que as queiran traballar”.

Esta derradeira idea tamén a compartíu Jacobo Feijoo, da Fundación Arume, para quen “o medio rural non só necesita innovacións técnicas, senón que no noso caso teñen que ser tamén innovacións sociais”, un razoamento que explicou máis detidamente para pechar o seu discurso: “Neste sentido, son dous os nosos principais obstáculos sociais, por unha parte a demografía e o envellecemento da poboación e, por outra, a propiedade repartida da terra. Neste contexto é obrigado buscar fórmulas para agrupar a xestión forestal, non tanto a propiedade como a xestión, o que se fai no monte. Baixo esta premisa, temos que preparar ese escenario de lonxanía para o noso medio rural”.

Félix Porto, de Unións Agrarias, pola súa parte, recoñeceu que “hai preocupación” polo futuro do medio rural galego, pero tamén “optimismo”. “O traballo fundamental é sensibilizar aos cidadáns no seu conxunto do que significa o medio rural. E hai que activar eses mecanismos que eviten o envellecemento da poboación rural e asegurar o relevo xeracional. Que se poida vivir do rural, que se cumpra a lei de cadea e que non se pague por debaixo do que custa producir. Que se valore o traballo do campo”, finalizou.