A Xunta reforza en 2024 a súa aposta pola igualdade de oportunidades no eido laboral

A Consellería pon en marcha unha nova liña de 2,25 millóns para fomentar a presenza feminina en sectores masculinizados, que brindará formación e emprego a 300 mulleres

Fotograma da campaña ‘Ti elixes’, que amosa a unha traballadora do sector forestal.   | // ECG

Fotograma da campaña ‘Ti elixes’, que amosa a unha traballadora do sector forestal. | // ECG / B.C..

B.C.

A incorporación da muller ao mercado laboral é unha realidade tanxible dende hai anos e un proceso que xa non ten volta atrás, mais é evidente que a poboación feminina, aínda suxeita a moitas máis cargas que a masculina, non sempre ten facilidades para emprender ou para consolidarse en sectores tradicionalmente masculinos. Neste eido, a axuda institucional é fundamental para romper a tendencia. Con este fin, a Xunta porá en marcha, en 2024, e cun investimento de 2,25 millóns de euros no marco dos presupostos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, unha nova liña de actuación para fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas. A proposta ten como obxectivo formar e contratar unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais destas características.

Unha das actuacións destacadas neste senso é a campaña Ti Elixes, orientada a traballar no eido escolar de cara ao cambio de estereotipos de xénero que afectan a determinadas profesións, como é o sector das TIC, con menos presenza feminina. A través dos vídeos que compoñen a campaña, as nenas e rapazas atopan espellos en patroas de pesca, capitás, traballadoras forestais ou da construción, profesionais das tecnoloxías ou operarias metalúrxicas. En definitiva, poden decatarse de que é posible elixir. Unha campaña que quere convencer de que o rumbo profesional debe escollerse en función das motivacións, das habilidades, das capacidades e da actitude de cada persoa, desbotando a crenza de que non poida haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes.

Unha perspectiva que busca rachar coa tendencia actual en Galicia, onde as mulleres gañan de media uns 5.000 euros menos ao ano que os homes, debido a que as profesións tradicionalmente escollidas por elas teñen salarios inferiores. Este plan de 2024 vén reforzar outras políticas de emprego a prol das mulleres xa postas en marcha en exercicios anteriores.

17 millóns en 2023

Así, en 2023, a Xunta destinou preto de 17 millóns de euros á reedición de catro programas que se veñen consolidando ano a ano neste senso. En primeiro lugar, coa liña específica dirixida a mulleres dentro do programa de fomento de emprego do Goberno galego, dotada con 7 millóns de euros.

Unha aposta que conta con apoios dirixidos á contratación indefinida, ao incremento da duración dos contratos fixo-descontinuos e ao incremento da xornada de traballo (de parcial a completa). Pero ademais, o programa conta cun bono de formación dirixido ás persoas contratadas coa finalidade de mellorar os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Tamén cabe mencionar o programa de mellora das capacidades dixitais para mulleres residentes no medio rural dotado con 3,1 millóns de euros; e os programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, —cunha dotación de 2 millóns— desenvoltos en colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, que están dirixidos á mellora da ocupabilidade e da inserción laboral e que dispensan atención a 800 mulleres galegas.

Pola súa banda, o programa de fomento do emprendemento e emprego feminino, que este 2023 conta cun investimento de máis de 4,8 millóns; naceu hai xa 27 anos para axudar ás mulleres emprendedoras a materializar as súas ideas empresariais e, ao mesmo tempo, contribúe á creación de novos postos de traballo femininos. Nesta liña, veñen de resolverse estas axudas de 2023 cun total de 362 achegas concedidas para crear e consolidar 800 empregos femininos.

Os catro piares de Emega

O programa Emega para o fomento do emprendemento e do emprego feminino comprende catro liñas diferenciais. Por unha banda, Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.

A Xunta consolida o seu apoio ao talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar este programa como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.

Exemplos tanxibles de éxito

“O apoio institucional é importantísimo. Para min, o programa Emega supuxo un antes e un despois”. Fala Cristina Gil, responsable de Milbrait; unha empresa con sede en Ames e que presta servizo de asesoramento tecnolóxico altamente especializado a empresas, prescrición de ferramentas tecnolóxicas para optimización de recursos na empresa e favorece a colaboración para a busca de alianzas estratéxicas.

“Cando me presentei a Emega xa rexistrara a marca en 2016, pero o pulo definitivo deumo a liña ITEF de innovación tecnolóxica. Ademais do apoio económico, foi un impulso importante porque supuxo poder presentar o proxecto e comprobar que confiaban nel”, lembra Gil que, malia que cursou estudos de Dereito, pronto optou por percorrer os camiños da Intelixencia Artificial e da Internet das cousas.

Agora, Milbrait é un punto de encontro para empresas no que compartir coñecemento aplicando un sistema de innovación aberta, que traballa conxuntamente cos equipos das empresas na área de tecnoloxía e innovación. A súa vida, como a súa actividade laboral, cambiou para ben nestes últimos anos, como ela mesma admite. “Despois diso, o proxecto evolucionou moito. Agora son embaixadora dun programa que visbiliza á muller en ciencia de datos... foi como o pistoletazo de saída para crear cousas”, recoñece.

Como derivada desta aposta polo seu proxecto, Cristina Gil vén de constituír a súa segunda empresa, Azura Tech, unha consultora que leva a intelixencia artificial ao agro e emprega a tecnoloxía para axudar a optimizar os cultivos ecolóxicos e as especies autóctonas, e que proporciona unha ferramenta para contribuír a un rural máis sustentable. Non rematan aquí as ambicións emprendedoras de Cristina Gil, quen, porén, recoñece que as mulleres en sectores aínda masculinizados non sempre o teñen fácil para sacar adiante os seus propios proxectos. Contar con referentes, como as que protagonizan a campaña Ti elixes, é fundamental para fomentar novas vocacións.

“Penso que a nós, como mulleres, cústanos un pouco máis acceder a financiación neste sector. Neste sentido, é importante poder participar en foros, en encontros, nos que varias mulleres directivas explican como chegaron ata alí. É un xeito de ter referentes de que é posible chegar ata alí. Que a luz das demais nos ilumine ao resto”, propón Gil.

Lorena Costenla (NorPromenade), Cristina Gil (Milbrait) e Laura Reyes (Trisquel), emprendedoras galegas que recibiron axudas do Emega.

Lorena Costenla (NorPromenade), Cristina Gil (Milbrait) e Laura Reyes (Trisquel), emprendedoras galegas que recibiron axudas do Emega. / ECG

Tamén de Emega agromou o que hoxe é NorPromenade, un estudio de arquitectura paisaxística de Santiago de Compostela especializado en deseño de xardíns horizontais e verticais e no desenvolvemento de Plans de Protección para Patrimonio Natural. Os servizos que ofrece contan cunha gran base tecnolóxica, e inclúen a revalorización de especies autóctonas para recuperación da flora, fauna e corredoiros naturais.

“Considero que hai que naturalizar e humanizar as cidades e dar ao campo unha estrutura adecuada para ser sostibles no tempo”, xulga Lorena Costenla, arquitecta técnica e topógrafa e a persoa que está detrás deste proxecto. Sempre tivo en mente a idea de emprender, se ben foi unha mala experiencia laboral a que a decidiu. “Pasar unha mala etapa deume enerxía para aproveitar e cambiar de vida. Non considero que todo o mundo teña que emprender, mais creo que todos teñen dereito a facer o que lles gusta ou, polo menos, a intentalo”, aconsella.

Tamén ela puido atopar un pulo fundamental no programa ‘ITEF’ de Emega, que lle brindou axuda económica para empezar. “Cando comezas hai uns gastos: oficina, autónomos, colexiación, seguros, internet...ao principio non ingresas e metes moitas horas. É importante este apoio porque considero que a pequena e mediana empresa son as que xeran máis emprego”, expón Costenla, que avoga por unha “conciliación real” para as que, como ela, foron nais mentres puñan en marcha as súas empresas. “Os comezos foron duros, pero estou satisfeita co camiño. Aínda hai homes que non levan ben traballar con mulleres ao mando. Hai máis mulleres, pero aínda estamos por detrás”, valora.

O apoio institucional non é menos necesario noutros sectores, alén dos tradicionalmente masculinizados. Tamén hai exemplos de emprendemento feminino frutífero eido educativo. É o caso de Trisquel Compostela International School, un centro educativo de primaria en activo e internacional situado no concello de Teo, que ofrece materiais, experiencias e actividades que promoven oportunidades de exploración, descubrimento, fortalecemento das capacidades e potencialidades dos seus alumnos.

Detrás do centro de Teo, apoiado polo NEAG —Center for Creativity, High Abilities Education and Talent Development— acreditado pola NEASC, está Laura Reyes, que un día quixo imaxinar unha escola diferente. “Miña nai sempre foi a miña inspiración, porque é pedagoga vocacional. Empecei a ver diferentes vías para facer un centro distinto no xeito de traballar e na atención, e topei co colexio internacional. Este centro ten a filosofía de deixar elixir aos alumnos; que poidan traballar e presentar o que fan de xeitos distintos, non só amosar o aprendido nun exame”, debulla Laura Reyes, que puxo a primeira pedra do que hoxe é Trisquel en 2016, nunha pequena escola en Cacheiras que contaba con catro alumnos. Hoxe son xa 52 escolares de idades entre os 3 e os 16 anos.

Unha iniciativa valente que saíu adiante con esforzo, mais, tamén, cun empurrón institucional imprescindible. “De catro alumnos do comezo, dous eran da casa. Había que pagar os salarios de dúas empregadas, e o meu propio non existiu ata máis adiante. Esa axuda do Emega, ese pulo económico, foi o que fixo que ese ano puidésemos subsistir. Senón, tería sido imposible, non tiña capital financeiro para poñer en marcha algo que, porén, sabía que ía funcionar”, lembra Reyes.

A achega fixo posible a posta en marcha dunha proposta que hoxe, tal e como Laura Reyes augurou, funciona perfectamente, e que naceu dun espírito emprendedor que busca inculcar aos seus alumnos. “Ser autónomo non é fácil, pero fago o que me gusta. Sempre lles digo aos nenos que hai obstáculos, que cando queres algo de verdade, se fracasas, tes que volver tentalo”, incide.

Unha aposta estrutural

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta con ordes de axudas que recollen a muller como colectivo prioritario e, polo tanto, conta cun acceso preferente e un apoio máis intenso en convocatorias diversas que se renovan ano a ano. Entre elas, cómpre destacar os programas integrados de emprego, con 10,2 millóns de investimento, nos que as mulleres son consideradas colectivo con acceso prioritario. Outra proposta son os programas duais en entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, cun investimento de 39 millóns en 2023-2024, que dá prioridade ás persoas demandantes que teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como as mulleres.No eido rural, o programa para a contratación de persoas sen emprego en concellos do rural galego, dotado con 7 millóns, tamén ten ás mulleres entre as súas prioridades; e o programa de promoción do emprego autónomo, con fondos de 12 millóns, incrementa a súa contía base un 25% se a beneficiaria é muller. Na mesma liña, o programa para axudar as persoas traballadoras autónomas á contratación indefinida de traballadores tamén se incrementa se a persoa incorporada é muller. Con respecto ao emprendemento, ocorre o mesmo coas contías contempladas no programa para a posta en marcha de empresas de base tecnolóxica. A Consellería dispón de axudas para entidades sen ánimo de lucro que contraten persoas traballadoras desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, con especial prioridade para as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais, a administración reserva 4,3 millóns para fomento do emprendemento en economía social, tanto cooperativas e sociedades laborais como para dar pulo ao acceso á condición de persoa socia. Outros plans abordan a transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen relevo xeracional, das sociedades mercantís, nos que os importes das axudas increméntanse en 3.000 euros se as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por mulleres e tamén no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas. Nesta liña, o Plan formativo para o emprego para persoas traballadoras desempregadas, dotado con 70 millóns, financia programas de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, e tamén prioriza a participación de mulleres.