Entrevista | Santiago Lago Catedrático de Economía Aplicada

"Preocúpame que non lle fagamos seguimento ao talento mozo que temos fóra"

Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada y director del Foro Económico de Galicia

Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada y director del Foro Económico de Galicia / CEDIDA

A USC sumará o vindeiro curso ao seu cadro docente un dos economistas galegos de referencia. Director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago {Vigo, 1971} ten claro que un dos retos do sistema universitario é ser quen de transferir o que fai ao tecido socioeconómico e á administración. Cre que Galicia é punteira en moitos sectores, pero erra ao non aproveitar mellor recursos como o vento, a lingua ou o rural.

Tras 22 anos na Universidade de Vigo, que o leva a emprender esta nova etapa na USC?

Primeiro, teño a sensación de que a Facultade de Económicas da USC é o sitio no que un académico galego coma min ten que estar nos vindeiros vinte anos. Porque nela están pasando cousas moi interesantes, con procesos de maduración ben atraíntes. Segundo, porque nas miñas conversas coa USC a todos os niveis atopei un aliñamento total cos meus plans de futuro. Porque o entusiasmo non pode estar só nun dos lados. E terceiro, Santiago é a miña cidade, onde sempre residín. Estou moi feliz de que o profesional poida finalmente encaixar co persoal e familiar.

En todo caso, que balance fai deses máis de vinte anos na UVigo?

Grazas á UVigo son o que son. Apostou por min e puiden desenvolver una carreira académica a ritmo moi rápido e sen ningún obstáculo. Non é o habitual. O departamento de Economía Aplicada e a Facultade de Ciencias Empresariais do campus de Ourense acolléronme con moita xenerosidade. Sempre estarei en débeda con ela.

E con que expectativas se incorpora á USC, onde se formou no seu día?

Os cincuenta é un momento moi bo. Tes xa certa madurez, pero ao tempo non che falla a forza e a ambición: a retirada vese aínda lonxe (risas). Eu son xogador de equipo. Xa o era cando xogaba ao baloncesto. Odio o individualismo no que está atrapada a NBA (risas) Por iso, veño a sumar ao esforzo colectivo dunha Facultade que vai dar moito que falar nos vindeiros anos, para ben.

En que situación diría que están agora mesmo as universidades galegas? Viven un bo momento? E a USC en particular?

As universidades galegas son boas en xeral e en perspectiva comparada. Nos rankings estamos por riba do que nos corresponde se miramos o noso PIB per cápita, por exemplo. A UVigo ten feito un grande traballo, con reitores que tiveron unha visión estratéxica moi atinada. De feito, está entre as mellores españolas de menos de 40 anos. Pero a USC segue sendo a referencia en moitos eidos.

Cal é o maior reto que teñen as universidades, e en particular a de Santiago, nestes momentos?

Eu diría que tres. Dous son comúns a moitas outras: a renovación do cadro de persoal e a interconexión, a transferencia ao tecido socioeconómico e á administración. Por suposto que hai xente que o está facendo francamente ben neste eido. Pero colectivamente debemos facer moito máis. No caso concreto das galegas, o noso país debe ter nas súas universidades o cerebro auxiliar para axudar a tomar boas decisións nun mundo de complexidade crecente, que require máis coñecemento que nunca. O terceiro reto é o que ten que ver coa convivencia coa cidade. Hai que ter coidado para que a hipertrofia dun vector, o turístico, non limite e arruíne outros que son definitorios da nosa identidade e historia.

Xa apuntou que un dos retos das universidades de cara aos próximos anos é afrontar as xubilaciones masivas que tocan... Neste sentido, hai unha grande oportunidade para captar novo talento. Que lle recomenda aos novos titulados: salir ao exterior ou facer carreira en Galicia?

Sen dúbida, hai que marchar uns anos, formarse en centros de referencia… pero manter os vencellos coa USC para, chegado o momento, retornar e instalarse plenamente en Galicia. Na miña opinión, hai que fortalecer os mecanismos que favorezan esa estratexia de ida e volta.

Preocúpalle que moito dese talento mozo formado en Galicia teña marchado, sen perspectivas, quizais, de retornar a curto ou medio prazo?

O que me preocupa é que non lles fagamos un seguimento, que non lles dediquemos a atención que merecen ás redes que nos conectan co exterior. Deberamos ter unha radiografía de toda a xente de primeiro nivel polo mundo adiante para tirar de eles, ben sexa compatibilizando cos seus compromisos fóra, ben sexa conseguindo que se reintegren no sistema.

Xa que fala de radiografías, que destacaría nunha sobre a situación da economía galega? Que vai ben e onde están os maiores problemas?

Galicia conta con empresas punteiras en moitos sectores. A empresa de base familiar en Galicia é fantástica, cunha enorme capacidade de internacionalización. A economía galega conseguiu medrar o mesmo que a española no que levamos de século, cunha poboación estancada e avellentada en Galicia fronte un maior dinamismo demográfico no conxunto de España; e sen entrada de capital estranxeiro. O xeito de responder a ese mercado interior non expansivo foi buscar clientes fóra. As cifras de exportacións reflicten ese éxito. En negativo, eu diría que a incapacidade de aproveitar os nosos recursos no noso beneficio: vento e auga, lingua, rural... Temos que ser máis intelixentes e profundizar nas iniciativas máis recentes e innovadoras neste eido. Son moderadamente optimista. Creo que a situación mellorou algo nos últimos anos, agás no que atinxe á lingua. O galego é a nosa lingua, o portugués un agasallo que vén de balde con ela.

Hai uns días dicía o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia que a macroeconomía vai bastante ben, pero que lle preocupan os autónomos e as pemes, que ve en peor situación. Comparte esa impresión?

El sabe ben do que fala, é unha persoa moi capaz que está a pé de obra todo o día. Eu diría que estamos nun momento no que o tamaño pasa a ser especialmente relevante. É como saír da ría a pescar nunha dorna. O futuro debe ser a aposta por gañar tamaño, tanto de xeito endóxeno, como con operacións corporativas ou estruturas de cooperativa.

Trala nova suba do Salario Mínimo Inteprofesional, estase negociando a redución da xornada laboral... Pode ser isto un problema para as nosas empresas?

España e Galicia son bos exemplos do éxito do diálogo social. Sindicatos e empresarios teñen unha longa historia de negociación e acordo. Son da opinión que isto é un activo extraordinario, sobre todo en tempos políticos revoltos como os que estamos a vivir. Todo o que se poida pactar entre os axentes sociais remata sendo unha solución equilibrada e positiva.

Sempre se di que en xeral somos menos produtivos que os grandes socios europeos. Estase avanzando neste sentido? ¿Somos cada vez más productivos ou non?

É verdade. España en xeral e Galicia en particular teñen un problema de baixa produtividade que hai que afrontar. É urxente que o goberno poña en marcha o Consello nacional de produtividade que aparece no acordo entre o PSOE e Sumar. Como universitario teño a máxima ben interiorizada: para afrontar un problema, primeiro hai que pensalo ben e definir estratexias de resolución acaídas.