Milleiros de persoas marchan en Santiago para pedirlle á Xunta que traballe a prol do galego

Queremos Galego solicita ao conselleiro de Cultura e Lingua que cumpla o Plan de Normalización Lingüística antes de falar de novos consensos

BNG, PSdeG e Sumar presentes na manifestación

A cabeceira da manifestación marchando pola rúa da Senra

A cabeceira da manifestación marchando pola rúa da Senra / Xoán Álvarez

Milleiros de persoas marcharon esta mañán polas rúas de Santiago convocados pola plataforma Queremos Galego na que se integra A Mesa pola Normalización Lingüística para defender o futuro da lingua galega e demandar á Xunta o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro do ano 2004.

“O Plan aprobado hai vinte anos buscaba reverter a situación crítica na que se atopaba a lingua”, apuntaba Marcos Maceiras, presidente da Mesa, xusto antes do inicio da manifestación. Unha situación, que na súa opinión, hoxe é de “emerxencia lingüísitca” polo que reclamou á nova Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude o seu desenvolvemento e o cumplimento de todos os seus puntos. “Ese é o gran pacto nacional para a lingua que debe ser respectado e cumplido pola lingua”, apuntou Maceiras en alusión ao ofrecemento realizado a pasada semana por José López Campos á oposición para acadar “un gran acordo sobre a lingua”.

"O cumplimento e desenvolvemento do Plan de Normalización Lingüística é o gran pacto nacional para a lingua que debe ser respectado e cumplido pola lingua"

Marcos Maceiras

— Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego

Nun ambiente festivo e no que as precipitacións respetaron case que na totalidade do traxecto aos manifestantes, no percorrido da marcha entre a Alameda e a praza da Quintana puidéronse escoitar consignas como “na Galiza en galego”, “cada día, cada hora, o galego si que mola” ou “só en galego Galiza ten futuro”.

Como é costume cada 17 de maio, as forzas da oposición ao PPdeG no Parlamento galego estiveron tamén presentes na acto reivindicativo que transitou as rúas picheleiras. Deste modo, a líder do BNG, Ana Pontón –que estivo acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a senadora Carme da Silva ou o deputado en Cortes Néstor Rego, entre outros– demandou ao Executivo galego “un cambio de rumbo” con respecto á lingua, porque “incumpre toda a lexislación” existente para defendela, dende o Plan de Normalización ata o Estatuto de Autonomía.

Como un exemplo do que, na súa opinión, é un traballo da Xunta en contra da propia lingua, Pontón nomeou o decreto do plurilingüismo que “prohibe ensinar matemáticas e física e química en galego” e que demandou que sexa derrogado ou o recorte das políticas de apoio ao idioma, que cifrou nun 55%.

O PSdeG, pola súa banda, estivo representado na marcha polo eurodiputado Nicolás González Casares e o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza. “Estamos aquí porque queremos galego”, sinalou González Casares que reclamou a necesidade de que o idioma vaia gañando cada vez “máis espazos”. Neste sentido, o eurodiputado reivindicou a iniciativa que parte do Goberno de coalición para recoñecer a oficialidade do galego –igual que a do éuscaro e o catalán– na UE. Unha moción á que os socialistas agardan que finalmente se sume o PPdeG agora que busca “un novo consenso arredor do galego”.

Sobre esas palabras de López Campos sobre “un novo pacto para o galego” pronunciouse tamén Juan Díaz Villoslada, candidato de Sumar Galicia ás eleccións europeas do vindeiro mes de xuño que se mostrou “escéptico” arredor desta vontade do Goberno galego. Mentres, no mesmo senso que González Casares reivindicou a necesidade de acadar a oficialidade para o galego nas institucións europeas.

Na chegada á praza da Quintana, e nun acto conducido pola actriz Isabel Risco, membros de diferentes asociacións culturais, sindicais e profesionais deron lectura ao manifesto nomeado “Galego vivo, Galiza viva!” e o acto pechouse coa actuación do grupo do Val Miñor, Dakidarría, e a interpretación coral do himno galego

Manifesto de Queremos Galego

En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos. 

Para unha Galiza viva, activa e consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo.

Vivo nun ensino en galego, que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador. 

Vivo nun audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos. 

Vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais. 

Vivo na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico.

É hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo, Galiza viva.