PEFC pon en valor a xestión forestal e o patrimonio do Camiño Primitivo
A iniciativa #PEFCnoCamiño Primitivo percorre o itinerario entre A Fonsagrada e Santiago para divulgar a riqueza forestal, o patrimonio e as tradicións do territorio, así como a importancia dunha xestión sostible dos montes

Presentación do proxecto PEFCnoCamiño Primitivo a cargo de Elsa Grille, xerente de PEFC Galicia. / Cedida
O Centro Cultural Forges da Fonsagrada acolleu o pasado martes 10 de novembro o acto de presentación do proxecto PEFCnoCamiño Primitivo, que convida a descubrir, máis alá das paisaxes do Camiño, os recursos do monte, as tradicións, o patrimonio e, especialmente, o traballo das persoas que contribúen á súa conservación e aproveitamento. O proxecto está impulsado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
O encontro contou cunha boa acollida e reuniu a representantes da corporación municipal e de diversos sectores vinculados ao territorio: propietarios forestais, profesionais da enxeñaría forestal e de montes, persoas vinculadas aos serradoiros, á carpintaría, á arquitectura, ao turismo, á cultura e á educación. A diversidade de ámbitos presentes puxo de manifesto a estreita relación entre a xestión forestal, a actividade económica e a vida no rural.
O acto comezou coa benvida do alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, e de Manuel Antonio Fernández Piñeiro, director territorial da Consellería de Cultura en Lugo. A continuación, Elsa Grille, xerente de PEFC Galicia, presentou os obxectivos, contidos e materiais da iniciativa, que dá continuidade aos proxectos desenvolvidos anteriormente nos Camiños Francés e de Fisterra-Muxía. A xornada completouse cunha visita guiada ao Centro Cultural Forges, a cargo do arquitecto Daniel Gómez Magide, de FIRM Architects, un dos responsables da súa rehabilitación.
Desde A Fonsagrada ata Santiago de Compostela, PEFCnoCamiño Primitivo detense en distintos lugares do itinerario para abordar temas relacionados coa natureza, a xestión forestal, os aproveitamentos do monte, o patrimonio, a cultura e o benestar das persoas.

A certificación PEFC promove a xestión forestal sostible e o aproveitamento responsable dos recursos dos montes galegos. / Cedida
Un percorrido por descubrir
Todos estes contidos poden consultarse nun espazo específico da web de PEFC Galicia, dispoñible en galego, castelán e inglés. Cada punto do percorrido ofrece información divulgativa que relaciona lugares concretos con diferentes aspectos do ámbito forestal e incorpora curiosidades e propostas para coñecer mellor o territorio. Trátase, ademais, dun proxecto vivo, aberto á actualización e incorporación de novos contidos.
Durante a presentación prestouse especial atención aos puntos do percorrido situados no concello da Fonsagrada, como o Alto do Acevo, porta de entrada do Camiño Primitivo en Galicia, e a propia vila da Fonsagrada. A través deles abórdanse cuestións como a paisaxe, a toponimia, os aproveitamentos tradicionais do monte ou as posibilidades da madeira na arquitectura, mostrando a relación dos recursos forestais coa historia, o patrimonio e a vida cotiá.

Itinerario do Camiño Primitivo. / Cedida
Tamén se convidou a reflexionar sobre unha cuestión que a miúdo pasa desapercibida: quen coida dos montes que contemplamos? Detrás destas paisaxes está o labor de numerosos propietarios e xestores forestais, que contribúen á conservación dos recursos naturais, á actividade económica e ao benestar da sociedade.
A Fonsagrada conta con 6.807 hectáreas certificadas PEFC, das máis de 27.500 que suman os concellos polos que transcorre o Camiño Primitivo
A presenza da certificación PEFC permite poñer cifras a esta realidade. No concello da Fonsagrada existen 2.114 parcelas con este selo, que suman 6.807 hectáreas de superficie forestal. Se se amplía o foco ao conxunto dos municipios polos que transcorre o Camiño Primitivo desde A Fonsagrada ata Santiago de Compostela, a superficie forestal certificada supera as 27.500 hectáreas, repartidas en 16.521 parcelas.
Máis de 500.000 hectáreas certificadas PEFC
Estas cifras forman parte dunha realidade moito máis ampla. Galicia supera o medio millón de hectáreas certificadas PEFC, concentra máis do 80 % dos propietarios e xestores forestais certificados en España e conta con preto de 480 empresas con certificación de cadea de custodia PEFC.
PEFC é un sistema internacional de certificación forestal que promove a xestión sostible dos montes, integrando criterios ambientais, sociais e económicos que abranguen desde a conservación da biodiversidade ata o aproveitamento responsable dos recursos. A certificación da cadea de custodia permite, pola súa parte, verificar a trazabilidade dos materiais certificados ao longo da súa transformación e comercialización, de maneira que o selo PEFC axuda aos consumidores a identificar produtos de orixe responsable.

Presentación do proxecto PEFCnoCamiño Primitivo no Centro Cultural Forges da Fonsagrada. / Cedida
Arquitectura en madeira premiada
A elección do Centro Cultural Forges para a presentación non foi casual. O edificio, antiga casa consistorial da Fonsagrada, constitúe un exemplo de como a madeira pode contribuír á rehabilitación do patrimonio e á creación de novos espazos culturais.
O proxecto, desenvolvido polos arquitectos Daniel Gómez Magide e Adrián López Rancaño, de FIRM Architects, incorporou madeira de castiñeiro local certificada PEFC en diferentes elementos construtivos. Na intervención participaron profesionais e empresas da contorna, desde o estudo de arquitectura ata o serradoiro e a carpintaría, amosando a capacidade da madeira para xerar actividade e conectar diferentes oficios e empresas do territorio. Esta actuación recibiu o primeiro Premio de Arquitectura en Madeira Sostible PEFC, como recoñecemento ao uso responsable da madeira e á súa integración na arquitectura.

Marcapáxinas elaborado por PEFC Galicia. / Cedida
Durante a visita guiada que pechou a xornada, os asistentes puideron coñecer os detalles da rehabilitación e apreciar como a madeira se integra nunha intervención que combina a recuperación do patrimonio coa innovación e a sustentabilidade.
Ademais dos contidos dixitais, PEFC Galicia elaborou marcapáxinas e postais ilustradas, destinadas á súa difusión en albergues, oficinas de turismo e outros espazos vinculados ao Camiño. A iniciativa inclúe tamén unha aplicación interactiva para colorear, especialmente dirixida ao público infantil, que permite descubrir os beneficios dos montes dun xeito lúdico.
A iniciativa complétase cunha campaña nas redes sociais e un vídeo promocional. Coa incorporación do Camiño Primitivo, PEFCnoCamiño amplía o seu alcance e reforza a visibilidade da xestión forestal sostible e o seu papel na conservación dos montes e no desenvolvemento rural galego.
- Madre emprendedora e hijo informático hacen crecer Horta da Lousa: de dos invernaderos a 7.500 metros cuadrados de huerta y vivero ecológicos en una aldea de Cerceda
- Más de la mitad de los hogares gallegos con derecho al IMV no solicitan la ayuda
- La ciencia desmonta uno de los mitos alrededor del lobo: un nuevo estudio constata que la presencia de híbridos cruzados con perros en Galicia es inferior al 2%
- Así es la mejor tarta de queso de Galicia: 'Tiene todo el sabor de nuestra tierra y enamora desde el primer bocado
- Así afectará la huelga del 11N a Galicia: los servicios mínimos en transporte, educación y sanidad
- El CIS contradice todas las encuestas y dibuja un escenario similar al de 2019 en Galicia, con el PSOE como primera fuerza
- El temporal deja 232 incidencias en Galicia y obliga a cerrar parques en Santiago y A Coruña
- Galicia, acorralada por dos borrascas: Bruna no da tregua y Charles amenaza con desatar un temporal aún peor