{ Olladas ao País }

Unha folga que prexudica a todo o mundo

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

HOXE, VENRES 24-F, cúmprese un mes xustiño do comezo da folga dos Letrados da Administración de Xustiza (LAX) que acadou o paralisamento case total do funcionamento deste servizo esencial da sociedade, agravando substancialmente un deficiente funcionamento xudicial, eivado cun infrafinanciamento secular que xera atrasos endémicos (agravados no nosso País pola greve galega do persoal funcionario dos Corpos xudiciais de Xestión, Tramitamento e Auxilio que parou a xustiza galega mais de cen días entre febreiro e maio de 2018).

Preguntaranse vostedes porque a paralise acadada por esta greve é case total se a maxistratura e os corpos xudiciais de xestión, tramitamento e auxilio xudicial seguen a traballar normalmente, A razón é un modelo de oficina xudicial que rexe dende as reformas orgânicas e procesuais de 2010 que lle outorga ás persoas LAX competencias no monopolio da fe pública xudicial, a axenda de sinalamentos, o tramitamento e pulo procesual dos asuntos todos (tamén das execucións das sentenzas), os embargos e medidas executivas, os pagamentos de indemnizacións e pensións obxecto de embargo... Os LAX son absolutamente fulcrais na organización e funcionamento da xustiza e xusto é recoñecer que esta responsabilidade e intensidade das súas tarefas non está a ser pagada a xeito. Velaí que, a reclamación de percebir um 85% das retribucións da persoa que exerza a xudicatura na mesma caste de órgano xudicial que ocupa o correspondente LAX non sexa desaquelada e esixe ser estudada a xeito.

Mais con esta greve pasoulle ao Ministerio de Xustiza o que lle pasou ao entón vicepresidente e conselleiro de Xustiza Alfonso Rueda na folga xudicial de 2018. Os dirixentes políticos do bipartidismo dinástico (PP e PSOE) nunca estiveron pola tarefa de mellorar o funcionamento do servizo público xudicial nin de financialo a xeito. Non interessa que funcione o control da actuación administrativa, a xustiza laboral ou a tutela dos consumidores fronte á banca e ás grandes empresas. Neste senso, as verbas do secretario de Estado de Xustiza da semana passada, durante a negociación ministerial cos LAX, non fixo mais que avivar o lume. Sen falar da desaquelada fixación duns servizos mínimos que non incluían o pagamento das cantidades consignadas em concepto de pensións compensatorias ou alimenticias, indemnizacións ou custas procesuais.

O Consello da Avogacía Galega xa advertiu que estamos diante dunha gravísima vulneración do dereito fundamental da cidadania a accedermos ao servizo público xudicial e que os custos para millóns de xusticiábeis e milleiros de professionais acadan níveis de moi duvidosa reparabilidade. Logo compre esixirlle ao Goberno do Estado que negocie a xeito e ás persoas LAX que pensen tamén na sociedade á que serven.