{ Olladas ao País }

Madrid quere inviabilizar a Alta Velocidade con Portugal

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

FARO DE VIGO INFORMABA o sábado 25-F nunha reportaxe asinada por Lara Graña e Victor P. Currás da eventual exclusión da Alta Velocidade (AV) Galicia-Portugal para a rede básica transeuropea de transporte (RTE-T) que habería estar rematada no 2030. A comisaria europea de Transportes Adina-Ioana Valean desbotaba a posibilidade de que esta liña de AV poida estar rematada nese 2030 e subordinaba o financiamento europeo da mesma á súa inclusión na rede básica ampliada, prevista no seu remate para 2040.

Confronta esta manifestación europea co explícito compromiso do primeiro ministro português António Costa e do antigo ministro luso de Infraestruturas Pedro Nuno o 28 de setembro último de rematar as liñas de AV Lisboa-Porto e Nine-Braga-Valença no 2030. Estas verbas foron ratificadas pola antiga secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera poucos días despois. Mais o 24 de outubro de 2022 a ministra española de Transportes corrixía en Vigo á súa secretaria de Estado (que ven de ser cesada hai días por razóns ben diferentes á cuestión dos trens astur-cántabros) e negaba que a AV galego-portuguesa puidera estar rematada no 2030 (como se lle esixe á rede básica do RTE-T) remitíndoa á incerta rede básica ampliada, prevista para o lonxano 2040, excluíndoa deste xeito do financiamento europeo por vários anos.

Abondo temos escrito nestas páxinas nas últimas semanas do fulcral que para o noso País supón esta infraestrutura que, canda o corredor europeo ferroviario de mercadorias, tenta ir mais aló da radialidade con Madrid que constitúe o único obxectivo ferroviario dos sucesivos Gobernos do Estado do PP e do PSOE e, por riba de todo, dos altos funcionários e técnicos do Ministerio de Transportes e para o lobby construtor-concesional, pechados ferreñamente na súa priorización da AV Lisboa-Madrid que o mainstream político, social e económico portugués desbota.

Como xa dixemos nestas páxinas de EL CORREO GALLEGO na semana pasada é tempo de argallar esa mesta rede de alianzas e complicidades políticas, sociais, empresariais, culturais, universitarias e profesionais de toda a Galicia política e da sociedade civil galega para esixir do Goberno do Estado planifique e execute axiña a saída sur de Vigo cos 26 kms á nova ponte internacional e, canda o goberno português, esa ponte.

Xogámonos moito no económico, no social e no político. Xogámonos o benestar artellando unha eurorexión de sete millóns de persoas nun eixo atlântico galego-portugués de dez millóns. Tamén xogámonos a capacidade de sermos autónomos nos nosos obxectivos de futuro.