{ negro sobre branco }

O 10 de Marzo e a eólica mariña

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

O 10 DE MARZO DE 1972 os obreiros de Ferrol-Bazán (“Empresa Nacional Bazán”), foron protagonistas duns feitos que deixaron pegada na historia recente da Galiza, aínda que pouco valorados na súa dimensión universal. O resultado de dous mortos por disparos da policía e máis de 70 feridos ten a suficiente entidade como para dar conta da gravidade da represión e dos termos en que se plantexou o conflito laboral. Bazán-Ferrol reivindicaba novas condicións no convenio provincial que se equiparasen ás de Bazán-Cartagena e Bazán-Cádiz.

A primeira cuestión ben chamativa é que unha empresa pública negociara condicións laborais distintas dependendo da ubicación física das súas factorías. Acaso Ferrol era distinta que Cádiz ou Cartagena? Ou a única diferenza en estaleiros públicos non era o capital senón os traballadores? E si, estes eran diferentes: érano por seren man de obra máis barata ou máis submisa? Onde residía a diferenza? Eran diferentes as condicións materiais de produción, ou foron creadas pola dirección da empresa para as converter en singulares? Esas perguntas ou outras parecidas foron as que se formularon os traballadores da empresa, atopando, como resposta a unha negociación laboral, represión brutal con resultado de morte. A historia, mesmo a recente, convén non esquecela, para non se afacer a soportar mansamente aquelas decisións absolutamente irracionais, cando non ilexítimas.

Hoxe situamos no mesmo plano de irracionalidade –poder de comenencia– a decisión tomada no Ministerio que preside a sra. Ribera de colocar frente ás costas galegas o emprazamento do futuro parque de eólica mariña máis grande da costa española. Non atopamos neste caso, igual que na decisión do ano 1972, nengún elemento de racionalidade que nos poida situar sequer nun plano de negociación. Só unha decisión política auspiciada polo preconceito de que na Galiza se pode facer calquer cousa que outros sinxelamente non aguantarían, xustifica tal decisión. Non habendo sustento racional na desisión adoptada, tampouco é hora de se situar no plano de lamentos do tipo: “en Madrid fan”, “os partidos de alternancia do goberno español non teñen en conta os intereses galegos como país”, ou “isto non o merecemos”.

Situémonos noutra perspectiva. As accións de poder, de calquer clase de poder, o económico ou o político neste caso, precisan sempre dunha relación binaria: precisan de dous elementos, o que exerce o poder e o que, recebendo esa acción, o permite. Asumir, conformarse, aceptar, acatar, queixarse, facerse o desinteresado e, finalmente, lamentarse sen acción proposital, é igual que colaborar activamente co exercicio do poder, dando pé á expresión máis irracional e caprichosa do mesmo.

Tamén as relacións sociais no marco do exercico da autoridade conferida por delegación (o poder político) poden ser concebidas como reflexivas no sentido de gardar influencias mutuas. O poder (nen sequer o absoluto) nunca é total, xa que, para ser exercido, necesita un receptor vivo, non esmagado, e desta maneira sempre nos queda o marxe de acción –con certa elasticidade– de nos opoñer, nesta ocasión absolutamente, a que usen as nosas costas como parte do noso territorio para seguir producindo electricidade da que outros usan e se lucran.