{ opinión }

A función social do médico (En lembranza do profesor Sánchez Salorio)

Cipriano Luis Jiménez Casas

Cipriano Luis Jiménez Casas

O ADMIRADO E QUERIDO PROFESOR SALORIO, fora o meu mestre na sinatura de oftalmoloxía da USC. Dirixía a Escola de Oftalmoloxía (1965), de onde saíron mais de 182 especialistas, moitos dos cales ocuparon cátedras noutras facultades do Estado. A súa actividade científica vai parella a súa enorme cultura no mundo das humanidades, reflectida en artigos, ensaios e libros. Como vicerreitor da USC, propiciou a edición de Homenaxe a Castelao, 1976, onde figura o seu texto Rumiando bajo la lluvia.

Nunha carreira longa como a de medicina (1959/66), coñeciamos o talante dos profesores aínda que non tivésemos aulas con eles. Porén, cando viamos pasar polos corredores do antigo Hospital Clínico Universitario de Vista Alegre ao profesor Salorio nos fascinaba ver a un catedrático novo, cheo de vida, simpático e próximo no trato.

Despois da miña estadía para especializarme en psiquiatría e psicanálises en Madrid, Lausanne e Xenebra, xa de volta en Galicia (Vigo, 1973), falei en varias ocasións co profesor interesándose de como me fora a vida ao longo de tantos anos aquí e acola. En 2017 soliciteille un artigo, para o nº 21-2017 da revista Maremagnum que dirixo desde 1997. Editada en Compostela pola Federación Autismo Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, levaría por titulo Saúde e Autismo. Ao fronte do INGO, estaba moi atarefado coas súas obrigas, rematando un libro, preparando conferencias, artigos de prensa, etc., pero aínda así nos ofreceu un traballo marabilloso, que sintetizamos a continuación, dun artigo mais extenso en Faro da Cultura (7 de novembro de 2019): Cambio de papeis na función social do médico. Reflexións sobre unha peripecia. No cal nos describe a relación medico enfermo, percorrendo o camiño que vai desde a illa deserta, idealizada pola medicina liberal deica a cada vez mais complexa estrutura institucional exercida pola medicina xestionada.

Salorio comenta que fai tan só un século e medio que a medicina era unha actividade radicalmente ineficaz. Hipócrates sacara xa a enfermidade do ámbito sobrenatural para metela no da natureza. Ata a chegada da ciencia moderna, os remedios aplicados polos médicos non eran superiores a esoutros dos curandeiros ou feiticeiros. O médico coñecía, si, os síntomas e mais a evolución das enfermidades, pero nada sabia respecto das súas causas. Dietas, sangrías e amputacións mostrábanse ineficaces ata finais do século XIX. A regra de ouro do médico non era outra que: curar as veces, aliviar moitas veces, consolar sempre. A autoridade e poder do médico exercíase a través dun saber erudito, utilizando unha linguaxe á cal os demais non tiñan acceso. Ese saber púxolle nome –e ademais en latín– ás enfermidades. En 1860 Pasteur descobre que o carbúnculo era producido por un bacilo; a partir de tal, as enfermidades pasan a ter causas externas e poden identificarse. Laennec, inventa logo o fonendoscopio, e métese dentro do corpo do enfermo. Diagnostícase, pois, desde dentro, a través dos aparellos (raios X, resonancia magnética...). A ciencia moderna dálle así poder ao médico, porén, non perde autonomía. E por iso que a medicina liberal devén a gran profesión desde finais do século XIX e deica mediados do XX.

Chegaría despois o reto da xustiza e da equidade. A medicina é máis eficaz pero complícase e encarecese. Entramos na era da Seguridade Social. A enfermidade xa non supón un risco económico, o que está san paga polo que enferma. Aparecen os hospitais e a tecnoloxía convertese nun novo reto. Non obstante, os valores da Administración teñen pouco que ver cos da medicina, condicionando o exercicio médico, p. ex., nos ambulatorios onde se despachan pacientes en tempo récord. Asemade, xorde a xestión; o hospital volvese unha empresa; aplícanse criterios de produción, pero nin os médicos son produtores nin os pacientes consumidores, nin as curacións un produto.

Así, en nome da racionalidade económica, a actuación do médico planificase a través de protocolos e do control do gasto. Porén a medicina é unha actividade que opera con persoas, non con obxectos. O médico tórnase intermediario entre o paciente e a xestión. A cuestión é: debería ser a hora do inicio da micro organización? A xeira do desenvolvemento de institutos ou fundacións, con proxectos concretos, que satisfagan as necesidades propias do ser humano. A illa deserta transformada nunha illa xestionada!