{ Olladas ao País }

A espionaxe política do CNI

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

ESTE MARTES 21-M votarase no Congreso estatal a moción de censura presentada pola dereita extremista e supremacista de Vox con Ramón Tamames de candidato alternativo. Un acontecimento que amosa poucas dúbidas a respecto, non só do seu fracaso predefinido, senón da súa moi limitada pegada na opinión pública.

No mesmo martes e no mércores 22-M desenvolverase a visita da comisión do Parlamento Europeo que pescuda a espionaxe que o Goberno do Estado (presidido por Pedro Sánchez) desenvolveu a respecto de máis de sesenta avogados, xornalistas e políticos soberanistas cataláns e vascos, a medio do persoal do CNI, do uso do programa israelí Pegasus e, en dezaoito destes casos, da autorización xenérica dun maxistrado do Tribunal Supremo, arestora Pablo Lucas, que leva desenvolvendo esta función dende fins do 2009. Autorizacións protexidas pola lexislación española de segredos oficiais das que non podemos coñecer máis nada até que se descualifique a información obtida. Tamén poden coñecela as persoass integrantes da Comisión de Segredos Oficiais do Congreso, mais éstas non poden contalo, pois que a súa conduta sería constitutiva de delicto.

Mais a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, aproveitou a presentación desta moción de censura para agochar esta visita, de xeito que a comisión parlamentaria europea vaise atopar cos atrancos todos para poder entrevistar ás persoas que lle poderían achegar información de valor, ao tempo que vai sofrir todas as pexas posíbeis, dirixidas dende a maioría das esquerdas españolas da Mesa do Congreso e dende o Goberno do Estado composto por esas mesmas forzas.

Estes días os representantes do Parlamento Europeo vanse entrevistar con soberanistas cataláns vítimas da espionaxe, como o proprio president da Generalitat Pere Aragonès. Mais non vai faltar na delegación europea quen non entenda que o partido do president, ERC, despois de sofrir esta espionaxe, pactara co PSOE e Unidas Podemos os orzamentos estatais para o 2022. Porque non é doado entender certas licenzas que as esquerdas soberanistas do Estado lle permiten ás esquerdas españolas.

A historia desta lexislatura (mantemento da lei mordaza, dos delictos de inxurias á Xefatura do Estado, das ultraxes á bandeira estatal e da pena de cárcere permanente revisábel...) amosa o moi curto compromiso desas esquerdas españolas cos dereitos fundamentais e liberdades públicas. Hoxe, martes 21-M, mesmo imos ver como a Mesa do Congreso agochará a investigación europea da delictiva espionaxe española. E semella que hai quen esquece que esas esquerdas españolas mercan seguido o esquema das dereitas españolas canto á organización territorial do Estado e canto á protección e garantía das liberdades.