{ tribuna }

O cumio Iberoamericano

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

ESTA FIN DE SEMANA clausurouse o XXVIII Cumio Iberoamericano celebrado en Santo Domingo. Un encontro que tivo o seu xermolo en Guadalajara e en Madrid, onde se celebraron as dúas reunións fundacionais en 1991 e 1992, respectivamente, como resposta á vontade política dos 21 países fundadores (22 despois coa incorporación de Andorra) de formalizar o vínculo histórico existente entre Iberoamérica e a Península. O contexto de diálogo, cooperación e solidariedade mutua estivo presente dende a primeira cita anual, que se convertería en bianual no 2014, e consolidouse coma unha ferramenta privilexiada para avanzar nos propósitos fundacionais con importantes accións tanto para os países en xeral coma para a cidadanía en particular, onde están chamados a participar as persoas titulares das xefaturas de Estado e de Goberno dos 22 países adheridos, independentemente da súa ideoloxía.

Dunha destas citas, concretamente a que se celebrou en Salamanca no ano 2005, naceu a Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB), a quen o seu primeiro secretario xeral, Enrique Iglesias, lle deu un pulo fundamental, que despois mantivo Rebeca Grynspan e que agora ten o encargo de reactivar Andrés Allamand. España estivo dende o principio como impulsora destes encontros mais o seu papel foi esmorecendo ate constatarse que perdeu o protagonismo en América Latina. Un grave erro de cálculo para España e tamén para Galicia, na medida que non aproveita todo o que debera a súa posición predominante alén do Atlántico, como o interlocutor natural e privilexiado para facer de ponte entre a Unión Europea e Iberoamérica.

O resultado do cumio? Cativo. Consensos de mínimos en temas xenéricos, especialmente na loita contra o cambio climático, a dixitalización ou a integración comercial na zona, mais sen moita concreción. Apenas se avanza na negociación dunha nova arquitectura financeira para a rexión, á que se suma a incapacidade para crear un espazo iberoamericano da educación superior ao estilo do que se realizou en Europa, malia aos intentos falidos do chamado Mercosur da educación.

Estes e outros temas nucleares pendentes deben ser as perchas que utilice Galicia para volver a subirse a un carro que noutro tempo entenderon ben os gobernos galegos. No espazo iberoamericano está o futuro de moitas cousas neste país. Case medio millón de persoas galegas no outro lado do Atlántico, emigrantes e descendentes, formadas, preparadas, das que tanto temos que aprender e que tan ben se poderían integrar nesta sociedade, poñendo un pouco de empeño para facelos partícipes do futuro deste país.

Parece que a Consellería de Política Social comezou a tomarse en serio esta cuestión e algunhas das medidas postas en práctica van nesta liña e poderían ter o seu retorno.