{ al sur }

Don Paco e Malores

Marcelino Agís Villaverde

Marcelino Agís Villaverde

A celebración do Día das Letras Galegas fixo proliferar a biografía como xénero literario a través do que coñecemos a vida e milagres dos autores e autoras homenaxeadas co gallo desta festa. Son traballos de calidade moi heteroxénea e procedencia diversa. Nalgúns casos, trátase simplemente de encargas editoriais para saír do paso, noutros temos a posibilidade de gozar de auténticas pezas historiográficas que nos permiten coñecer ao personaxe e a súa circunstancia.

Entre estas últimas figura a obra Francisco Fernández del Riego: un loitador pola idea de Galicia, publicada pola editorial Galaxia, que a súa autora Malores Villanueva presentou a semana pasada en Santiago de Compostela. Ninguén mellor ca ela para falarnos de don Paco. Primeiro, porque no ano 2015 defendeu na USC a súa tese de doutoramento sobre o tema A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963, dirixida polo profesor e académico Henrique Monteagudo. Para o estudo desta etapa histórica da editorial, a autora revisou toda a documentación dispoñible sobre as tres persoas chave na fundación e desenvolvemento deste proxecto cultural, político e económico que da nome a toda unha xeración de intelectuais: Ramón Piñeiro, Xaime Isla e Paco del Riego.

En segundo lugar, Malores tivo a sensibilidade e a constancia de se achegar a don Paco a través da conversa persoal durante anos, o que lle permitiu coñecer de primeira man o que se conta nas biografías oficiais e tamén o que se cala ou aínda non está contado. Temas como a ruptura coa editorial Galaxia de Carlos Casares, que non publicou nin a súa novela O cego de Pumardedón (Ir Indo, 1992), nin o seu Dicionario de escritores en lingua galega (Ed. do Castro, 1990); o seu exilio a partir de entón na Fundación Penzol; ou as “amizades perigosas” que afastaron a don Paco da ortodoxia galaxiana.

Eu agardo que tanto Malores, como outras voces sobranceiras do galeguismo, vaian enchendo estes silencios e escriban algún día as crónicas non autorizadas e máis heterodoxas dun home como don Paco del Riego, un loitador, abofé, pola idea de Galicia.