A economía galega en tempos revoltos

Santiago Lago Peñas, Catedrático de Economía Aplicada da UVigo

Santiago Lago Peñas, Catedrático de Economía Aplicada da UVigo / ECG

Santiago Lago Peñas

Santiago Lago Peñas

Levamos tres anos de turbulencias extraordinarias. Desas que existen moi de cando en vez. Primeiro foi a pandemia, a paralización da vida social e, con elo, a económica. O PIB en España e en Galicia caeu coma nunca antes en tempos de paz. E cando xa a estabamos deixando atrás grazas ás vacinas, chegou a invasión de Ucraína. Os prezos da enerxía dispáranse e, con elo, a taxa de inflación sube a cotas que non viamos dende hai varias décadas.

As cousas podían ternos ido moi mal. Pero non foi así, por dous motivos fundamentais. Primeiro, porque as autoridades reaccionaron como debían, inxectando recursos e aprobando actuacións extraordinarias a toda velocidade. Segundo, porque os consumidores e as empresas están amosando unha extraordinaria capacidade de convivir coa incerteza. Os fogares seguen consumindo e mercando automóbiles; as empresas invisten e arriscan, e seguen contratando traballadores. Empresas que, todo hai que dicilo, en Galicia son fundamentalmente de carácter familiar. De aí a importancia dun tratamento diferencial e favorable sempre que sexa posible. Son a base da nosa economía. 

Todo o anterior ten permitido que Galicia superara xa o nivel de actividade económica prepandemia no 2022 e España, que caeu máis, vaia facelo no segundo semestre do ano en curso.

En 2023 e 2024 non vamos abandonar a incerteza; e vamos ter que afrontar un escenario con tipos de xuro á alza e cunhas regras fiscais europeas reactivadas e que van obrigarnos a facer axustes fiscais o ano que vén. Mais tamén contamos con elementos positivos. Os fondos Next Generation deberan chegar na súa máxima intensidade; comparado co do trienio anterior, o escenario económico é máis favorable para as empresas; e estamos a implementar solucións en Galicia moi atinadas e necesarias. En particular, a sociedade público-privada “Impulsa Galicia” está a artellar o tipo de proxectos que precisamos cara 2030 no terreo da sustentabilidade, da dixitalización, da transición enerxética ou do aproveitamento dos recursos de Galicia. A fábrica de fibras téxtiles a partir da celulosa que vai liderar a portuguesa Altri ou a utility que nos vai permitir que queden para os galegos unha parte relevante dos beneficios das instalacións eléctricas en Galicia, unha parte que hoxe é ridiculamente baixa.

Xa a máis longo prazo aboian oportunidades que non podemos perder. Aínda que sexamos quen de frear os efectos do cambio climático a escala global, é moi probable que Galicia pase a ser un dos territorios máis atraentes na Península a dez anos vista. Temos que estar preparados para ordenar esa demanda turística e mesmo residencial. A capacidade de producir alimentos de alta calidade, sostibles e garantindo a trazabilidade está lonxe de ser aproveitada ao máximo. 

Estou convencido de que os galegos podemos ser quen de cadrar o círculo: reducir a nosa pegada ambiental neta, ser líderes na transición enerxética e á loita contra o cambio climático a escala rexional, mellorar o benestar económico, e ter unha paisaxe mellor, máis coidada e máis robusta ante lumes que prometen ser cada vez máis feroces se non actuamos a tempo.