{ tribuna }

Catro temas de máximo interese

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

O FORO ECONÓMICO DE GALICIA naceu no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, que acolleu durante os días 23 e 24 de setembro do 2010 a primeira reunión dun grupo de empresarios, encabezados por Emilio Pérez Nieto –que preside a entidade dende entón–, xornalistas e profesores das tres universidades públicas galegas. O seu obxectivo estivo claro dende o principio, promover a reflexión, a análise e o debate sobre as cuestións económicas, sociais e políticas mais relevantes para o desenvolvemento do país e o papel que debe xogar na economía global.

Ao estilo doutras grandes plataformas de pensamento, o Foro busca espertar o diálogo construtivo para o que, entre outras actividades marcadas no calendario, organiza un encontro anual, do que ven de celebrar a súa XII Reunión en Muxía. Neste conclave, ao igual que sucede nos cumios internacionais de má-ximo nivel, hai un halo de misterio, que se explica polo obrigado segredo das discusións que se levan a cabo, de xeito que o ambiente é de máxima confianza para debater e expoñer os temas en liberdade, co compromiso de transferir as conclusións á opinión pública.

O diálogo e o intercambio de ideas entre persoas de moi diferentes tendencias é enriquecedor, ao igual que o son as conclusións tratadas. Desta volta os temas non eran menores: o desenvolvemento e impacto da intelixencia artificial (IA), a transición enerxética, o carácter diferencial do galego e o diálogo social.

A importancia da universidade nunha sociedade que queira estar á vangarda non se dis-cute, mais debe unir forzas coa empresa pa- ra poder aproveitar as potencialidades da IA, así como facer fronte aos grandes desafíos que establece.

No eido da transición enerxética a mensaxe é clara, Galicia precisa tirar rédito das novas posibilidades que se abren para producir enerxía, mais sempre respectando as actividades e sectores económicos existentes.

Quedou de manifesto que o galego como idioma é unha marca e sinal de identidade, ademais dunha riqueza para a xente do país. Na medida que isto se entenda, serán moitas as vantaxes de incorporalo á imaxe de marca dos produtos pero tamén das persoas.

Por último, establécese a necesidade de avanzar cara a un novo contrato social, aínda se está a tempo, mais este obxectivo non debe demorarse.

Foron moitos os contrapuntos e matices que se discutiron ao redor destes temas, así se constrúe unha sociedade plural e diversa, mais ao final hai sempre un vector resultante de consenso.

TEMAS