{ cifras e letras }

Mentireiros convincentes

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

Cando era neno pasaba os veráns enteiros nas Pontes cos meus tíos Fina e Carballo, ela irmá da miña nai. Gustábame moito escoitar as historias que contaba el. Era moi falador e eu escoitábao con atención, mesmo cando eran cousas repetidas. Un día contoume unha das fantasías dun veciño que era moi fabulador. Resulta que o home foise a Cuba a buscar fortuna. Triste diante da súa inminente marcha, foise á beira do río grande a aliviar a morriña que xa o invadía, aínda sen terse ido. Tombouse mirando outro río, o das nubes no ceo, escoitando o fluír tranquilo da auga do Eume. Ao día seguinte partiu en barco cara a Cuba, onde estivo un bo número de anos. Regresou sen fortuna, pero afortunado por traer un pequeno capital co que comprou unhas terras no pobo. Un día volveu tombarse á beira do río. Mentres rumiaba recordos dos seus anos na illa, comezou a oír un tictac parsimonioso pero constante. Tictac, tictac… oíase, mentres buscaba entre a herba da ribeira. E alí estaba o reloxo perdido anos antes. Deteriorado polo paso do tempo e as súas inclemencias, pero funcionando e en hora. Que mentira tan grande, pensei, pero que mentira tan linda.

Os mentireiros fabuladores adoitan ser inofensivos, e ata entretidos. Sobre todo se, como foi o caso, edulcoran as súas mentiras cunha imaxinación tan grande como doce. Pero hai mentireiros moi perigosos, non só polo feito de selo e de buscar algún beneficio niso, senón polo convincentes que poden chegar a ser. Mentireiros que non só parece que conten con dotes innatos para o embuste, senón que ademais adéstranas. Mentireiros que falan con suficiencia e arman ben a mentira. Mentireiros convincentes, vaia.

Coñecín algúns ao longo da miña vida, e seguro que houbo outros que non detectei sequera. Pero acabo de tropezarme co maior dos embusteiros, e o peor de todo é que nin sequera podo afearlle as súas mentiras, porque lle escorrega bastante que o faga. Simplemente pide desculpas, dime que sente moito, e a asubiar. Polo menos, iso si, ten a decencia de non dicir que “non volverá ocorrer”. A última mentira na que o pillei é dicindo de min que traballo en física teórica, en particular en teoría da relatividade xeral e nas súas aplicacións á cosmoloxía e a astrofísica. E que tamén di que investiguei en física de partículas e que teño participado en proxectos internacionais de investigación no CERN. En fin, que estou a pensar en pedir o meu ingreso no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, o IGFAE. A ver se o bo de Carlos Salgado, o seu director, ten a ben aceptarme. Pero aínda hai máis. Dixo tamén que son ben coñecido como defensor da independencia de Galicia e que fun candidato ao Parlamento galego en varias ocasións. Non me quedou claro entre tanta trola se logrei o escano nalgunha delas.

Todo isto inventouno ChatGPT, e soltoumo cunha redacción tan impecable como asertiva. Tan convincente foi, que me fixo dubidar, e tiven que revisar o meu pasado, non vaia a ser que a idade me estea facendo perder a memoria.

Isto é unha anécdota, e carente de importancia. Pero que ocorrería se ao consultar alguén a ChapGPT sobre min dille que fun condenado por un delito que non cometín e que se sacou da súa “manga dixital”? Isto non é unha mera hipótese, senón que é perfectamente posible. Non fai moito ChatGPT acusou sen razón a un profesor de dereito de cometer abusos sexuais e de ser condenado por eles.

A máquina advírtenos ao utilizala que non todo o que di é certo (xa explicarei a razón diso noutro artigo), pero parece evidente que necesitamos non só advertencias senón máis información e formación sobre a intelixencia artificial e os seus usos e abusos.