{ tribuna }

Agricultura ecolóxica

Santiago Lago Peñas

Santiago Lago Peñas

A PASADA SEMANA o Foro Económico de Galicia presentou un informe sobre agricultura ecolóxica elaborado por Mar Pérez Fra, David Soto e Ibán Vázquez, ao abeiro da reunión que mantivemos hai xa uns meses na reunión anual que facemos en Casal de Armán para discutir asuntos relevantes para o mundo rural galego. 

O informe está dispoñible no sitio web do Foro e, polo tanto, non me vou deter nos contidos concretos. O que vou facer é dar catro ideas sobre a importancia e as posibilidades que nos ofrece.

A primeira é que para nós apostar pola agrogandería ecolóxica é máis doado que para outros. Porque en moitos sitios non se fixo aínda a transición cara as fórmulas de produción intensiva e industriais. De feito, sabemos que unha parte do que hoxe facemos podería acadar de xeito doado a certificación de ecolóxica con axustes menores, o que mudaría significativamente estatísticas comparadas. Temos que pensar en como incentivar ese tránsito.

A segunda é que o ecolóxico encaixa perfectamente na imaxe de marca de Galicia como despensa de alimentos de alta calidade e evoca sentimentos que rematan beneficiando a outros sectores e empresas. O ecolóxico, o verde, o sostible son valores de importancia crecente nas vindeiras décadas.

A terceira é que hai un mercado en expansión de produtos ecolóxicos. Sabemos que esta produción é moito máis cara e, polo tanto, son produtos superiores. Iso leva de seu a necesidade de atinar nos procesos de distribución de reducións que non sempre van chegar a ter tamaño para construír marca diferenciada, como hoxe pode ter xa Casa Grande de Xanceda, por exemplo. As solucións cooperativas, o apoio intelixente da Xunta e o saber facer de empresas galegas como Gadisa, Froiz ou Grupo Cuevas son pezas fundamentais neste proceso.

A cuarta e derradeira é que a produción ecolóxica vencéllanos coa nosa historia e tradición, encaixa co noso xeito de ocupar o territorio, coa recuperación das aldeas modelo, coa posta en valor dun xeito de vivir que vai ir a máis no futuro. A volta ao pasado coas comodidades do presente é un luxo que cada día máis xente quere desfrutar. Temos os recursos para facelo.