{ Olladas ao País }

A exclusión social non agarda

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

PROFESIONAIS E CONCELLEIR@S de servizos sociais e ONG que traballan coas persoas en exclusión e risco de exclusión denuncian as graves eivas do sistema, que están a impedir unha axeitada atención a estas persoas.

A fasquía destes usuarios abrangue persoas con adicións, doenzas mentais e graves chatas na súa formación cultural e dixital. Isto lles xera moitas veces incapacidade relativa para facer xestións on line, quer por non saber, quer por non poder (deficiente acceso a cobertura de internet por rede e/ou por falla de axeitado dispositivo). Mais os únicos problemas non están na dixitalización. Tamén na obriga de achegar informes ou dados que: I) están xa ao dispor da Administración actuante ou de calquera outra á que se lle pode requirir para o efecto e II) están lonxe das capacidades cotiáns desta caste de persoas por cultura, formación e saúde física e mental.

Esta situación xera o chamado efecto Mateo (Mateo, cap. 13 vs. 12-17:... “A quen ten daráselle máis e terá abondo, a quen non ten quitaráselle até o pouco que teña”): persoas con menos necesidades económicas e sociais e con máis recursos de toda caste para xestionar os trámites acadan as prestacións e moitos fican sen elas.

Cómpre artellar, entón, unha renda social básica substitutiva da Ingreso Mínimo Vital (IMV) e da RISGA, de xestión galega (o Estado non ten medios persoais para a súa xestión e demostrouno dende o 2020 en diante) e de doada xestión. Que non pida dados que xa teñen o conxunto das Administracións e que actualice periodicamente a situación do perceptor a medio dos cruzamentos precisos dos dados precisos, nomeadamente cos servizos galegos de emprego e coa Seguridade Social. Unha renda social básica e universal que para algunhas fontes consultadas habería ser incondicional e para outras habería ser compatíbel coa esixencia en reciprocidade de actividades de formación e servizos comunitarios.

Na cuestión da vivenda semella que existe unanimidade no sector na condena ao mantemento no tempo do recurso dos albergues para esta caste de persoas, por se tratar dun recurso non normalizador e, pola contra, estigmatizante. Cómpre que as Administracións locais e galega fornezan dunha solución de habitabilidade digna ás persoas que teñen vínculo estábel coa vila, cidade ou concello correspondente.

E semella tamén unánime a apelación a unha meirande coordinación entre o SERGAS, os Concellos e a Xunta de Galicia que evite a ineficiencia de recursos de atención á dependencia implementados serodiamente, como a axuda no domicilio ou o centro de día, que ben poderían previr em moitos casos durante non pouco tempo recursos máis custosos como a institucionalización en residencias.

A necesidade, a exclusión social, non agarda.