{ Olladas ao País }

Baltar e as regras do xogo

Señal de límite de velocidad

Señal de límite de velocidad / stevanovicigor

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN ourensá, Xosé Manuel Baltar, está a ser investigado polo Xulgado de Instrución da Pobra de Seabra por manexar o seu vehículo oficial a 215 kms/hora, nunha autovía que tiña limitada a velocidade máxima a 120 kms/hora. Deste xeito, existen nidias pegadas da comisión dun delicto contra a seguridade viaria previsto no artigo 379.1 do Código Penal, que castiga a quen conduza nunha vía interurbana a unha velocidade 80 kms/hora superior á máxima permitida (120 kms./hora, no caso de Baltar). Se aplicamos a marxe de erro dos cinemómetros fixos (um deles foi o que seica mediu este feito) seguimos nas marxes do delicto, sancionábel dende 208,850 kms/hora. Non estamos, pois, diante dunha simple sanción administrativa que se amaña pagando e perdendo pontos da licenza de condución.

Velaí que Baltar fose citado para declarar a xeito de investigado na vindeira terza, 9-M. Isto fai moi probábel que despois dunhas poucas semanas (esta caste de delictos requiren dunha instrución moi curta) o Xulgado instrutor decida abrir o xuizo oral contra del.

Cando isto ocorra, xurdirá con forza o debate sobre a procedencia da demisión do político ourensán. O PP xurídicamente non llelo pode esixir, pois que os seus Estatutos só prevén a suspensión da militancia no suposto de delictos vencellados coa corrupción, que non é o caso, agás suposicións aínda sen proba a respecto da finalidade privada dunha viaxe na que usaba dun vehículo da Deputación ourensá.

Mais, se a finalidade única da viaxe fose privada, poderíamos estar diante do delicto de malversación por uso para fins privadas dun bem público sem intención de facelo próprio, do artigo 432 bis CP. Nese hipotético e, polo de agora, pouco probábel suposto si existiría um auto de apertura do xuizo oral con efectos suspensivos e o PP teríao moi difícil para non lle esixir a súa demisión.

Mentres tal non pase ninguén pode obrigar a Baltar a demitir. E pois logo o proceso de elección indirecta dos deputados provinciais e máis a elección en Pleno do novo presidente (cargo para o que o PPdeG presenta a Baltar) van coincidir co curto periodo de instrución penal destas pescudas penais. Se a isto lle engadimos a dificultade de que das eleccións municipais saia un goberno para a cidade de Ourense podemos albiscar sinais de inequívoca inestabilidade nas institucións das Burgas, que ben poden ter consecuencias a medio prazo nos equilibrios da distribución de poder no PPdeG.