{ Olladas ao País }

Mirar polos nosos concellos

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O DOMINGO 28-M votamos ás persoas que dirixirán os nosos concellos. Non se decide quen vai gobernar no Estado nin na Galicia, malia que todo proceso electoral inflúa dalgún xeito no seguinte. Velaí que o cidadán prudente, a veciñanza intelixente habería quitarlle o volume aos berros dos políticos estatais. Non se trata de ETA, desaparecida hai doce anos. Trátase da gobernanza do cotián, da proximidade.

A veciñamza require sempre dunha xestión acaída. Os servizos públicos (transporte urbano, recollida e tratamento de lixo, dispoñibilidade de auga e outros ambientais, servizos sociais...) han funcionar a xeito o mesmo ca o fomento da actividade económica, que precisa do binomio celeridade-control inspector na resolución das licenzas urbanísticas e de actividade. As primeiras persoas en sofriren as resultas dunha xestión cativa son as máis vulnerábeis e as que se atopan en risco de exclusión. Descoidar a xestión non é progresista nin democrático.

Mais a xestión, ademáis de ser eficaz ha ser transformadora. Ademáis de constituir unha eficiente ferramenta para o desenvolvemento sostíbel e para a garantía e mellora dos servizos públicos a acción municipal na Galicia habería acadar o reto de facer inclusivas as nosas cidades, vilas e concellos rurais. Inclusividade dende unha mobilidade económica para todos e unha accesibilidade real para as persoas con problemas motores que seguen a estar excluídos da meirande parte dos nosos espazos comúns. Inclusividade dende unha mesta rede primaria de atención social que detecte e tente corrixir a exclusión e o risco de exclusión. Inclusividade dende unha política urbanística e de vivenda real, nomeadamente dirixida ao alugueiro social.

A FEGAMP e forzas políticas e sociais haberían pular no ámbito galego e estatal pola modificación da lexislación de gobernos locais para que non se penalice aos concellos que optan pola xestión directa dos servizos públicos, como pasa arestora dende a reforma de Rajoy de 2013. A remunicipalización é o camiño axeitado para a xestión da auga e, quizais, dalgún outro servizo. Tamén cómpre pular por resolvermos a inxustiza do financiamento local por parte do Estado, pois que Galicia só recibe o 3,5% dos fondos estatais cando estamos case no 5,5% da súa poboación, ao primaren o criterio da poboación.

Non haberíamos esquecer tampouco a necesidade dunha política de promoción cultural efectiva, que distinga ésta da contratacion de grandes festivais e espectáculos que adoitan chuchar os recursos da cultura. E máis a necesidade de que a presenza maioritaria da nosa lingua fose un elemento esencial transversal a todas as políticas locais, trascendendo moito máis aló da normalización da xestión administrativa.