{ on/off }

En Santiago hai partido

Luis Pérez Fernández

Luis Pérez Fernández

ALGO VAI MUDAR EN COMPOSTELA. Con ou sen Bugallo de próximo rexedor. Así se desprende da enquisa publicada o pasado domingo por este xornal. Tamén o prevén outros estudos demoscópicos. E non só porque o apunten as sondaxes. Todas han de andar con tino para traducir as respostas en escanos debido ao alto número de indecisos ou de voto oculto, o máis probable, por parte dos que din non saber aínda a quen votar. Este comportamento parece ir en aumento co paso do tempo. Nas últimas citas electorais os resultados foron ben distintos dos prognosticados polas casas de enquisas, con especial desbarre do CIS. Un caso ben recente témolo en Andalucía.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas non ofreceu nesta ocasión resultados de Santiago, aínda sendo a capital de Galicia. Optou por Vigo. Resulta máis doado non facer o ridículo. Pero ademais das enquisas, que recollen unha notable subida de PP e BNG, hai outros elementos que inducen a pensar no inicio dunha nova etapa política en Compostela. O modelo actual de gobernanza da cidade parece esgotado. Ten razón o PSOE cando salienta a boa saúde económica da cidade, pero os enquisados atribúen o mérito antes á Xunta que ao Concello. E tamén tense que contar con outras entidades (Universidade e Igrexa co fenómeno das peregrinacións) á hora de valorar as achegas institucionais ao benestar común.

Esta é a campaña máis estraña que lembro desde o 15-J de 1977. De todas, pola miña profesión, fixen seguimento. Non levo a conta, pero seguramente superan o medio centenar entre xenerais, autonómicas, municipais, europeas e referendos. A campaña actual é con diferenza a de menor relación co seu ámbito de elección: local e de proximidade. Os composteláns non só votan as oito candidaturas que se presentan. Os grandes partidos teimaron en que tamén se han examinar Sánchez, Feijóo, Díaz, Rueda, Pontón e Besteiro (con permiso de Formoso). E os contidos dos programas, que debesen versar sobre tráfico, recollida de residuos, iluminación, servizos sociais, etc. etc., foron eclipsados na primeira semana polas listas de Bildu na que figuran antigos membros de ETA con delitos de sangue ou colaboradores da banda terrorista e esta segunda protagonizada polo escándalo do voto por correo que xurdiu en Melilla e agora esténdese como mancha negra por media España.

Volvendo a Santiago, o grao de afectación do enrarecido clima político español podería resultar decisivo. As turbulencias deberan inclinar ao elector pola estabilidade, máxime tras moitos anos de gobernos municipais errados ou débiles en minoría. Episodios como o andaluz, con inesperada maioría popular, ou o das autonómicas galegas cando o BNG papou ás mareas, poden repetirse na capital. A quiniela máis selada é a de Bugallo encabezando un tripartito, pero se non logra superar a Verea (PP) o BNG convértese en imprescindible. Non hai que desbotar unha rotación na alcaldía.

En calquera caso, goberne un tripartito PSOE-BNG-CA, un bipartito dos dous primeiros con intercambio do bastón de mando entre Bugallo e Sanmartín a medio mandato, ou se produza o fenómeno andaluz de primar a estabilidade, o certo é que a partir do próximo domingo vai producirse un cambio de ciclo político en Compostela. É hora de que Raxoi volva a liderar Santiago, a capital de Galicia.