{ Olladas ao País }

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Compostela

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

A PRINCIPAL NOVIDADE das eleccións locais galegas deste 28-M foi o sorpasso do BNG ao PSdeG en Compostela que determinará sen dúbida que Goretti Sanmarín sexa elixida o 17 de xuño alcaldesa de Compostela cos catorce votos do BNG (acadou seis concellerías, co 23,35% dos votos, sobindo máis de catorce pontos e catro concellerías dende o 9,1% de 2019 ), PSdeG (quitou outras seis, co 21,7% de votos, perdendo catro concellerías e trece pontos) e Compostela Aberta (dúas concellerías co 9,1 %, baixando tres concellerías –oito dende 2015– e máis de once pontos), que acadaron por xunto, xa que logo, o 54,15% dos votos fronte ao 37,7% do PP.

Velaí a nidia lexitimidade que terán a nova alcaldesa e o novo goberno local. Outro escenario, ademáis, é na práctica imposíbel, tendo en conta a necesidade para o PSdeG de garantir as alcaldías da Coruña, Lugo e Vilagarcía e as presidencias das Deputacións da Coruña e Lugo. Canto á Compostela Aberta non ten opción política real alén do apoio a Goretti Sanmartín. O pacto de investidura é, pois logo, inevitábel.

Xosé Sánchez Bugallo recoñeceu que o desastre electoral do PSdeG estaba directamente vencellado coa súa falla de proxecto de cidade e coa ineficacia na xestión do seu goberno e renunciou integrar xa a futura Corporación. Foi vítima, sen dúbida, da falla de xestión transformadora e mesmo da falla duns mínimos aturábeis de eficacia no desenvolvemento dos servizos públicos municipais, como xa o fora Martiño Noriega no 2019. Como dicíamos a semana pasada en EL CORREO GALLEGO os primeiros en sofrir a falla de eficacia na xestión son os sectores sociais máis vulnerábeis.

Goretti Sanmartín ten o grande reto por diante de compatibilizar a xestión eficiente na mellora e ampliación dos servizos públicos que esixe Compostela cun proxecto de cidade inclusivo en termos de accesibilidade para todos, de igualdade, de mobilidade e de acceso á vivenda. Terá de seguro que enfrontar os excesos do turismo de peregrinación para defender unha Compostela pensada nomeadamente para a súa cidadanía. E haberá proxectar a Compostela universal na Europa e no mundo de xeito inescindíbel á súa cualidade de capital do noso País. Santiago da Galicia e para Galicia. Compostela na Europa.

A nova alcaldesa precisará de moito diálogo e de grandes doses de pragmatismo. Mais tamén de claridade na percepción dos principais requirimentos que lle encargou a cidadanía, de onde han estar en cada intre as liñas vermellas. Se é quen de compatibilizar estes eixos de actuación política haberá goberno e proxecto de cidade para varias lexislaturas, como está a suceder na cidade de Pontevedra.