{ Olladas ao País }

As oportunidades perdidas

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

NO FÚTBOL as oportunidades perdidas non voltan. Hai diferenzas entre as ligas que esixen a mellor regularidade e as competicións eliminatorias que esixen a mellor capacidade de reacción e de poder desequilibrar un partido. Mais nunha e noutra caste de competicións as oportunidades perdidas non se repiten. O mesmo que na política.

PSOE e Unidas Podemos desaproveitaron a oportunidade de lle amosar ao conxunto da cidadanía do Estado que acreditaban noutro modelo distinto ao da dereita española canto á reivindicación dos valores liberais no exercicio dos dereitos: liberdade de expresión e manifestación, garantías procesuais ou supresión da pena de prisión permanente revisábel, incompatíbel cos principios resocializadores dos sistemas penais da Europa democrática.

Pois ben, cúmprense cinco anos da presidencia de Pedro Sánchez e tres anos e medio do Goberno de coalición. Disolvéronse as Cortes do Estado o pasado 30-M e, xa que logo, certificouse a incapacidade das esquerdas españolas para quitar adiante, canda o resto da extinta maioría da investidura, a derrogación da chamada lei mordaza, malia ter sido aprobada no debate de totalidade no seu día a proposición de lei do PNV. Canto á derrogación da pena de prisión permanente revisábel, prometida polo PSOE cando se aprobou pola maioría absoluta do PP (2011-2015) nada se soubo ao longo deste tempo.

Tampouco avanzamos cousa ningunha canto á organización territorial do Estado. As esquerdas españolas non son quen a definir un modelo, non xa plurinacional, senón mínimamente plural do Estado e, fóra de propostas retóricas, partillan ferreñamente o modelo centralista e unionista das dereitas españolas. O modelo da España unitarizada a fortiori, que non unitaria. Amosouse nidiamente coas fórmulas primeiras de xestión uniforme da pandemia e coas continuas propostas descoñecedoras do dereito ao autogoberno de Galicia e demáis nacións e territorios do Estado, como foi a lei de vivenda.

Cómpre non nos esquecer tampouco da contínua defensa por parte do PSOE dunha Monarquía gravemente doente dos pecados de caducidade histórica e de corrupción, malia a tendencia republicana da maioría do seu electorado, nomeadamente nos territorios do norte do Estado.

As esquerdas españolas haberían pensar que estas oportunidades perdidas non só lles afastan das outras forzas políticas que lles apoiaron na investidura do comezo do 2020. Non. Afástanlles de calquera proxecto de transformación democrática do Estado que resolva as deficiencias de calidade liberal presentes no noso sistema xurídico-político, para nos achegar de vez aos sistemas sociais e políticos avanzados da mellor Europa.

TEMAS