{ tribuna }

A aprendizaxe dos pactos

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

ACABAN DE SER ELECTOS mais de 8.000 alcaldes e alcaldesas e 66.000 titulares de concellerías, de entre os que sairán arredor de 1.000 representantes provincias. Son os mesmos, ou incluso máis, dos que había no ano 2019 e 2015. Semella que a Lei 27/2013, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, que tiña como obxectivo explícito simplificar a andamiaxe institucional local de acordo cos principios de eficiencia, estabilidade e sustentabilidade, fracasou e o statu quo acabou impoñéndose. Esta evidencia revela o fracaso dunha reforma pouco ambiciosa, que respectou a dialéctica entre a herdanza administrativa do pasado e a inercia da traxectoria presente, mais coa certeza de que este non é mellor camiño para a gobernabilidade do futuro.

A aceleración da globalización e o desprazamento dos centros de gravidade xeoeconómicos poñen ás cidades ante a encrucillada de reconsiderar o seu paradigma de desenvolvemento e obriga a que formulen as súas estratexias de acción global, para as que non é acaída a excesiva fragmentación administrativa que amosan. Os modos de asentamento urbano, o crecemento sustentable, o envellecemento da poboación, a dixitalización e o desafío da conectividade son necesarios para completar o quebracabezas da habitabilidade urbana. Pide paso a adopción dun modelo vertebrador, de articulación conxunta de estratexias capaces de facer cooperar ás cidades no local e posicionalas para competir a nivel internacional. A cooperación supramunicial pode unir obxectivos comúns, mudar o modo de facer, porque como dicía Einstein, si se buscan resultados diferentes non se pode seguir facendo o mesmo.

Ábrese unha nova oportunidade para o mundo local. A cidadanía, alí onde pediu cambio, quere pragmatismo, non está disposta a aguantar idealismos inoperantes porque, tal como avanzara Nietzsche “todo idealismo fronte á necesidade é un engano”. Naqueles casos onde a fórmula permita gobernar en coalición, o acordo de mandato require dunha lealdade recíproca que non sempre é compatible co cálculo electoral individual. As novas persoas encargadas de xestionar os orzamentos municipais en Galicia teñen entre mans máis de 2.000 millóns de euros anuais. Non parece moito, mais se botamos a ollada ao mandato de catro anos, equivale ao orzamento anual da Xunta. Si se organizan ben, as cidades poden liderar as dinámicas económicas e converterse nas cabezas tractoras do crecemento en Galicia, coa axuda dunha Lei de Administración Local de Galicia (LALGA) reformada e adaptada aos novos tempos. Toca cooperar no local e competir a nivel global.