{ negro sobre branco }

Bipartidismo imperfeito

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

DIRÍAMOS QUE É IMPERFEITO COMO MODELO PARTIDARIO, porque non se adecúa ao corpo; é dicer, é un traxe mal feito para un corpo estatal non binario: o problema de inadecuación non está na natureza dos partidos senón no deseño e concepción dun Estado: único e unitario. Ante as novas eleicións, e visto o clima que temos na Galiza e a conduta meteorolóxica esperábel en xullo, non debemos temer que ese día morran os paxaros, como pode pasar noutros lugares. Non parece problema a ter en conta. Aquí non foi preciso facer unha norma eleitoral propria prohibindo procesos eleitorais en xullo e agosto, como en Andalucia: mesmo Estado, semellanza nula. Outra cousa é estar atinxidos polos mesmos problemas políticos que nunhas eleicións xerais se poñen a debate neste momento.

Participamos da idea de que a loita pola instauración fáctica do bipartidismo é interesante para os dous partidos en lide mais non necesariamente deriva beneficios directos para as necesidades políticas do noso país. A razón de peso fundamental é que unha vez logrado o estabelecemento do novo statu quo institucional, non teñen, desde as Cortes españolas, necesidade nengunha de débito aos eleitores galegos porque son poucos en número, non se acompañan de nengunha baronía decisiva, non inclúen un poder económico/empresarial potente, non somos reivindicativos, nen molestos nen violentos; emigramos: desaparecemos paulatinamente, diminuíndo en poboación; por tanto (así se traballa en Madrid de facto), son prescindíbeis. E o problema, á parte do ninguneo que soportan os membros territorializados aquí dos partidos estatais, sofrémolo os galegos porque non atopamos nunca canalización exitosa das propostas políticas para necesidades galegas. De aí é doado deducir que só me valla unha organización política para representar a maioría dos intereses que lle son proprios aos galegos, que teña débito eleitoral, organización, e decisións exclusivamente galegas. Ben entendido que o débito nas decisións non quer en absoluto dicer, como se adoita facer de maneira trapalleira (desde os partidos estatais) que se estexa encerrado nunha cápsula: ensimesmadamente, encerrados en si mesmos. Todo o contrario: por historia, por capacidade, por economía e por correntes culturais, somos o país máis aberto de todo o Estado, se consideramos a historia como un continuum coas súas ensinanzas.

Desde a época romana a hoxe, fomos atractivos para outros pobos e compartimos con todo o mundo civilizado coñecido vida e experiencias, aínda que non sempre en pé de igualdade. Por esa razón de fonda raigame histórica temos coñecemento de que alugar a outros (subcontratar) a defensa dos nosos intereses nunca foi rendíbel para o país. É interesante que unha vez aprendida a lección tiremos froitos reais dela e decidamos actuar como titulares únicos das rédeas do noso destino. Parecido, moi parecido, ás primeiras proclamas do feminismo: nós mesmas ou, como en Irlanda, nós mesmos. As mulleres temos aprendido que preferimos errar co noso criterio, que acertar baixo a tutela dun home, por moi sensato que pretenda ser: nós mesmas, Galiza igual. Se o debate vai ser nas eleicións de xullo un partido español ou outro xa podemos bulir para decidir... nós mesmos.