{ Olladas ao País }

Aquí se parte el bacalao

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

NOS ÚLTIMOS DÍAS vivimos acontecementos, quer extraordinarios, quer demostradores da lóxica territorial do Estado e da aberta desconfianza, cando non ferreña oposición ás persoas que nos definimos nacionais galegos, vascos, cataláns ou valencianos e ás forzas políticas que con máis ou menos suceso ou acerto asumen o noso dereito á diferenza e os nosos intereses sociais e económicos, que son absolutamente fulcrais na axenda política actual. Moito máis na Galicia, onde non hai un problema de confrontamento entre clases sociais, senón un nidio problema de minorización nacional e, xa que logo, de dependencia política e económica.

Comezamos o relato na nosa Galicia, onde a EU de Mugardos, seica ben achegada a Yolanda Díaz, candidata ás estatais pola coalición multipartita da que é referente, permitiu cos seus votos a alcaldía do PP, impedindo a investidura da persoa candidata do BNG. Nada que non fixeran tamén os do PSdeG en Viana do Bolo e nalgún outro concello. En último de contas para as esquerdas e progres españois e os seus repenicantes galegos os soberanistas galegos son xente diferente. Non son da casa e din que falan de cousas raras.

Seguimos coas aliadas da política ferrolá. A que foi alcaldesa de Barcelona até o sábado, Ada Colau, votou polo candidato socialista, Jaume Collbony, para impedir o goberno do antigo alcalde Xavier Trías (JuntsxCat e outros), que foi o máís votado e tiña chegado a un acordo de goberno coa ERC de Ernest Maragall. O Maragall que no 2019 foi tamén o candidato máis votado, malia que a Colau acadara a alcaldía apoiándose no voto das concellerías do ex primeiro ministro francés Valls, nucleada arredor de Cs. Repítese a historia porque, xa saben, mentres algúns ollan para o dedo no canto de ollar para a lúa para o deep state (“aquí se parte el bacalao y que nadie lo dispute porque todo va dabute”, que cantou Glutamato Ye-Ye hai algún tempo) o importante é ese grande negocio que chaman a unidade de España. E, por certo, non descansan nesa angueira nin sábados nin domingos.

Nesta andaina o PP puido xustificar apoiar ao socialista Collbony por mor de que os Comúns da Colau votaran tamén por él, mais renunciando ao goberno local. Porén, non hai tal. O novo alcalde do PSC manterá íntegra a estrutura de goberno da antiga alcaldesa, mentres en Barcelona corre o ruxeruxe de que haberá goberno local PSC-Comùns en setembro. “España, lo único importante”.

E temos o do País Valencià. Onde o mesmo PP que apoiou ao PSOE en Vitoria-Gasteiz ou Barcelona escrebe ao ditado de Vox e promete no futuro goberno de coalición entre ambas as dúas forzas suprimir as políticas de memoria histórica, igualdade e promoción da lingua propia. Pode Núñez Feijóo nun tal contexo defender o seu xorne moderado e centrista?

Algúns falarán da xeometría variábel. Mais teño para mín que para eses do deep state que adoitan curtar o bacallau o que realmente lles preocupa é que teñamos axenda, intereses e marco mental de noso.