{ TRIBUNA }

A sabedoría dunha analfabeta

Xavier Varela

Xavier Varela

MEU NENO ti obedece, porque obedecendo nunca te equivocas, porque os que mandan sempre mandan ben. Na década dos 50 do século pasado, esta foi a herdanza que me transmitía a analfabeta de miña avoa ao ir interno a Santiago. ¡Cantas veces matinei sobre estas palabras! Pasado o tempo leo textos de Mussolini que as calcan. Miña sabia avoa dálle o escudo mais seguro ao netiño que sae ao mundo descoñecido, protexéndoo de todo mal. Na ditadura franquista obedecer é a garantía para afastar o mal, porque O fascismo xa era medo, sometemento, vexación. Miña avoa sabía que obedecendo estaría libre de todo mal, porque os que mandan segundo ela, sempre mandan ben. Quenes mandan queren que os seus súbditos sexan mais emotivos que racionais, acadando deste xeito que as víctimas dun sistema social inxusto poidan contentarse coa sua sorte. As actitudes racionais só son posibles alí onde hai institucións xustas. Sempre se acepta o medo como garantía de supervivencia. A pesada carga da liberdade política déisaxe en mans dun xefe a cambio de orde e seguridade.

O Fascismo é un movemento político nacionalista, totalitario, ditatorial que fai do culto ao xefe (Mussolini) a sua esencia. Consiste en subordinarse a un estado omnipotente representado por un líder carismático de carácter autoritario, racista, represivo. Riemen defineo como “ unha relixión laica que necesita un Mesías que salve o pobo elexido. Os fascistas precisan crisis, medo, odio … O fillo bastardo desta sociedade é o Fascismo. Odia a política, a democracia. O líder fascista é un mentireiro patolóxico. O ovo da serpe é o Fascismo”. A dominación é completa no momento en que se presenta como liberdade. Rousseau xa nos ten dito que a liberdade consiste en obedecer a lei que un se deu e Tocqueville consideraba que a xustiza debe ser a lei. Negarse a obedecer leis inxustas é apelar á soberanía do xénero humano.

Si autoritas é un concepto moral o autoritarismo é o poder sin autoritas. Quen é autoritario é porque carece de autoritas e emprega medios totalitarios para impoñerse. Adorno insistía que a propaganda fascista satisface e manipula necesidades de dependencia promovendo actitudes conformistas. Foi o Nazismo o que afianzou o terror a partir dunha barbarie racionalmente organizada. O sabio Saramago reclamaba un sentimento de responsabilidade colectivo, polo que cada un é responsable dos demais. A educación actual só forma mentes que contribúen ao sistema económico, para nada lle interesa o pensamento crítico. Se non hai liberdade somos esclavos ou robots. Sería unha verdadeira desgracia que nos gobernara unha tecnocracia que convertiría a sociedade nunha xungla dirixida por unha oligarquía financieira. Se creamos máquinas que operan como humanos, e producimos humanos que operan como máquinas, o resultado é unha robotización. A tecnoloxía usurpa a nosa liberdade a cambio de facilitarnos a vida. Tiña razón Dewey cando sostiña que a política é a sombra que sobre a sociedade proxectan os grandes negocios. Hoxe o poder (mandar como decía a miña avoa) está nas multinacionais e os estados que sirven os seus intereses. Un golpe para a democracia e un gran triunfo para o monstro absolutista. Temos medo a facernos cargo do noso destino e por iso delegamos en xefes-mesias que nos pidan salvar. Nisto consiste o triunfo do fascismo. Como antídoto só nos queda a Educación como práctica da liberdade rachando cadeas e arredándonos de poderes alleos que nos someten pola mentira e o medo.

Rosalía de Castro, a gran poetisa e filósofa, resúmeo perfectamente: “Son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, porque son a Lei que rixe o meu destino”.

O medo era a Lei que rexía para a miña avoa, por eso quería protexerme del obedecendo. Nunha democracia a Lei é a que manda, non tiranos nin fascistas.