{ OLLADAS AO PAÍS }

Alba de Compostela

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

“...Hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral...hoxe as campás de Compostela...anuncian unha festa étnica...”

Afonso Rgz. Castelao “Alba de Gloria”

A chamada “Ofrenda Nacional (sic) al Apóstol Santiago” con constituir tamén un acto nidiamente litúrxico, é dicir confesional, non xurdiu dunha iniciativa da Igrexa compostelá nin das peregrinacións da Europa toda. Tampouco ten as súas raigames naqueles reis de Galicia (Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII) que fixeron a Catedral o seu Pórtico da Gloria nin nace dos Camiños Xacobeos. Non. Nace dunha decisión adoptada no 1643 pola Monarquía castelá-hispánica, no tempo de El Rei Filipe IV de Habsburg, que enfrontaba unha dupla guerra da independencia contra o Principat catalá e o reino de Portugal, xeradas pola política centralizadora e procastelá do seu valido o conde-duque de Olivares. A devandita Ofrenda constitúe, pois, a expresión dunha asunción pola Monarquía castelá do referente do Santiago guerreiro para xustificar unha política militarizada moi concreta e, dende logo, allea á prosperidade e intereses de Galicia e á potenciación do Apóstolo como referente de paz e e de convivencia europea.

Neste contexto (maximizado polo xorne claramente partidista da tripla ofrenda do actual rei Filipe VI nos anos 2020, 2021 e 2022), que a alcaldesa da capital de Galicia concorrese a un acto litúrxico desta caste signficaba non só rachar a neutralidade do Estado aconfesional senón mesmo validar implícitamente o sentido restauracionista dun acto que reflicte un nacional-catolicismo claramente oposto á plurinacionalidade do Estado e ao recoñecemento nacional da Galicia que construiu Compostela e a súa Catedral.

Mais o principal acerto da alcaldesa foi trascender desta institucionalidade neutral para deseñar unha Festa (moito máis cívica ca étnica) de Santiago para Santiago. Unha Alba de Compostela que reivindicase atender á propia cidade dende á propia cidade, no contexto dunha sociedade civil moderna, vizosa, solidaria e que olla ao futuro, recoñecéndose esencialmente como capital do País do que xurdiu e que a fixo como é: a Compostela de Galicia.

Unha sociedade civil que fai cidade dende os barrios, deporte, patrimonio cultural e desenvolvemento de actividades económicas e profesionais, cun meirande protagonismo feminino e no que a propia Igrexa compostelá (dirixida por un novo arcebispo que semella coñecer mellor ca os anteriores o País, a sociedade e máis os tempos) ha ter o seu lugar sobranceiro.

Desta volta a cidadanía, malia o balbordo xerado polo PP, PSdeG e algún voceiro mediático, semella que conectou coa mensaxe da súa alcaldesa, alicerzado no respecto, no pluralismo, no sentido cívico de cidade e na galeguidade.