{ TRIBUNA LIBRE }

As festas do Cruceiro, sen Eduardo Cruz

Xosé A. Neira Cruz

Xosé A. Neira Cruz

Como todos os anos por estas datas, o Cruceiro da Coruña vístese de gala para acoller as súas festas patronais na honra de San Miguel Arcanxo. Xa era un costume que, co gallo desta celebración, El Correo Gallego publicase algunha colaboración que rememoraba o pasado deste barrio compostelán ao fío das lembranzas dun veciño singular, Eduardo Cruz del Río, depositario dese sentir colectivo que crea identidade e moi dado, de seu, a indagar na memoria dos máis vellos para trasladar eses recordos ás novas xeracións. O mesmo sucedía co libro das festas, que adoitaba acoller anualmente os seus textos, sempre con apostas por un futuro ventureiro presidido polo sentido máis xenuíno de veciñanza e de amizade.

Porén, este ano será o primeiro en que Eduardo Cruz falte á cita cos seus lectores. Na mañá do 18 de setembro, ao día seguinte do paso da Virxe da Gracia por diante das nosas casas, nesa procesión que os do Cruceiro sentimos tamén como algo nosa e a antesala do San Miguel que xa chega, Eduardo Cruz faltou. De xeito repentino e inesperado, con ese silencio mesto que deixa tras de si a morte cando non se conta con ela, o seu gran corazón deixou de latexar, espertando, dun xeito unánime, o pesar e a tristura de todos os que tivemos a sorte de tratalo e coñecelo.

Orixinario do mesmo Cruceiro da Coruña, onde naceu en marzo de 1951 na casa da taberna de Juana, despois coñecida como a Casa do Ferreiro ou simplemente Casa Cruz, Eduardo Cruz del Río pasou pola vida celebrando, en primeiro lugar, o feito de vivir. Iso converteuno nun exemplo de alegría e vitalidade. Era imposible estar ao seu carón e non acabar reconciliándose co mellor que o ser humano ten: de aí a súa perseverante, incansable vocación a prol da amizade, dimensión na que acadou cotas que, agora que xa non está, aínda espertan máis admiración. Foi sempre o veciño disposto a botar unha man cando facía falta; o marido e pai coraxe que se deixaba a pel polos seus; o irmán conciliador, atento, servizal que todos quereriamos ter ao noso carón; o padriño cariñoso e ocorrente, aberto á chanza e ao xogo en calquera momento; e, sen dúbida, o mellor tío do mundo.

Pero a eses trazos familiares, que Eduardo Cruz compartiu incansablemente cos que mantiña vínculos de sangue, soubo sumar ao longo da vida os que el logrou construír cos amigos e compañeiros, unha sorte de gran familia engadida que hoxe o bota en falta case tanto coma os da casa. Se o segredo de vivir é dar, Eduardo foi exemplo de constante xenerosidade. Se un non morre mentres permanece na lembranza dos demais, é ben certo que a vida deste veciño, amigo, familiar que se nos foi de improviso prolongarase na medida en que ha seguir na memoria de tantos como referencia de bonhomía e integridade.

Na compañía Fenosa, posteriormente Unión Fenosa, onde desenvolveu a súa dilatada traxectoria profesional, acadando cargo de responsabilidade nos que demostrou a súa valía e intelixencia, sementou un ronsel de estimas, alá por onde pasou. Foi xefe de zona na Estrada e en Betanzos, para volver despois a Compostela, onde se xubilou. Canto pequenos e grandes favores non fixo sempre que lle foron requiridos... Cantos homes e mulleres descoñecidos se achegaron pola súa capela ardente, no complexo funerario Apóstolo Santiago, os días 18 e 19 de setembro, para chorar a súa perda e proclamar unanimemente unha gran verdade: “fóisenos un home de ben”.

Agora descansa no cemiterio de Boisaca, cabo dos restos de seu pai, José Cruz Seijo, o nobre e rexo ferreiro do Cruceiro, da súa nai, Elvira del Río Pulleiro, unha muller que, desde Casa Cruz, elevou a arte culinaria de primeira os callos e a cabra asada, pratos polos que se creaban reas de comensais ás portas dese establecemento; e da súa avoa, Juana Pulleiro Martíñez, que máis de medio século despois da súa morte, segue sendo lembrada polos máis vellos do Cruceiro como referente de superación e honorabilidade. Se ese Alén que as crenzas nos prometen existe, Eduardo Cruz del Río estará, de seguro, gozando agora da amizade incondicional de San Miguel, ao que el tanto gabou en vida. Tamén lle terá resolto xa algúns problemas de organización interna a San Pedro, e animado a San Isidro Labrador a reparcelar algunha leira con vistas a algún bo negocio futuro. E a Virxe das Dores terá dificultade en manter o seu nome, pois ha estoupar en gargalladas a pouco que o noso Eduardo intercambie algunha parrafada con ela.

Por aquí abaixo, os que quedamos botarémolo inmensamente de menos. O oco que deixa é tan grande como grande era o seu corazón. Será difícil, case imposible, encher tanta ausencia cos lugares comúns que a morte esperta como consolo. Pero á súa muller, Chelo Aguiar Toande, e aos seus dous fillos, os arquitectos Eduardo e Andrés Cruz Aguiar, como a todos os que tanto o queremos, quédanos o consolo de saber que a súa foi unha vida plena, roubada antes de tempo, si, pero repleta de transcendencia, na que o nome de Eduardo Cruz del Río ha quedar sempre asociado á consideración dunha boa persoa. Velaí o legado inestimable que tamén ha recoller o seu neto Thibault cando se decate da enorme mostra de humanidade que seu avó espallou ata o último alento.

E, aínda así, como imaxinar a vida sen ti de agora en diante, meu tío.