{ Cifras e letras }

No refraneiro, non todo é verdadeiro

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

UN REFRÁN é un dito agudo e sentencioso de uso común. Acódese a eles para indicar o que está ben ou, en todo caso, o que é recomendable seguir. Por exemplo, “dime con quen andas e direiche quen es” advírtenos do peso nas nosas vidas daquelas persoas das que nos rodeamos. No refraneiro hai material para todos os gustos, de modo que un refrán sérveche para un roto, outro para un descosido e un terceiro para un pespunte. En xeral non dan puntada sen fío e adoitan ser acertados, xa que xurdiron do paso dos anos e do pouso da experiencia colectiva. Cervantes definía os refráns como “sentenzas sacadas da experiencia”, e usounos con profusión no Quixote. Moitas veces resultan moi socorridos, xa que sintetizan nunha frase o que levaría páxinas explicar con detalle.

Pero non todos os refráns son afortunados e ás veces están equivocados, ou polo menos a min parécemo. Poñereilles algúns exemplos, pero seguro que a vostedes ocórrenselles outros. Máis vale malo coñecido que bo por coñecer. Estou convencido de que é un dos peores refráns, xa que vén aconsellarnos que aínda que teñamos entre as mans ou na vida algo regular, mediocre ou manifestamente malo, mellor aguantarse que facer mudanza.

O saber non ocupa lugar, di outro refrán. Pois non é certo. Ocupa lugar no noso cerebro e, o que é máis importante, ocupa tempo. E o tempo, sobre todo conforme avanza o tempo na vida, é o que máis nos fai falta, e acaba sendo aínda máis valioso que un pouco de memoria, que tamén vaise cos anos. O tempo é o noso ben máis escaso, porque corre, ás veces voa e, como a paciencia, sempre se esgota. O saber require moito tempo, ademais, polo que temos que decidir que queremos saber, para non acabar ignorando o que realmente importa.

Non hai mal que por ben non veña. Véxolle razón se o entendemos no sentido de que mesmo do malo podemos sacar ás veces algunha conclusión ou lección útil. Pero non debemos asumir o malo con resignación e moito menos pretender vender as desgrazas e infortunios como condición necesaria para o éxito. Hai quen mesmo presenta o malo que poida ocorrer na vida como un paso desexable no camiño a mellores momentos. Adoita ser na vida dos outros, iso si, non tanto na súa. Algúns [supostos] “gurús” do emprendemento din moito iso de: “fracasa, porque o fracaso levarache antes ao éxito”. Pois que fracasen eles e que nolo conten despois, para ver se aprendendo nas súas carnes os demais imos dreitiños á gloria. O colmo do que digo consiste en escribir un libro sobre o bo que é fracasar e despois publicalo. Quero pensar que o autor non quererá vender nin un só exemplar, considerando que tamaño fracaso só será o prefacio de escribir un superventas. Que outro obxectivo podería ter, senón, un libro titulado “Parabéns polo fracaso”? Falo dun caso real.

O bo pano no arca véndese. Para nada. Por algo se inventaron os escaparates e, pola mesma razón, a publicidade e o márquetin estúdanse nas universidades e nas escolas de negocios. Ata na vida persoal é necesario venderse ben, ou acabaremos sendo mal pagos. E non só falo de euros, senón en afectos e recoñecemento.

Cría fama e bótate a durmir. A fama, como a reputación, custa moito, moitísimo, lograla. Pero pérdese nun airiño e recuperala adoita ser máis difícil aínda, que tela alcanzada antes. Siga o meu consello, que “quen non oe consello non chega a vello”, e non faga caso de calquera refrán. Por certo, acabo de caer na conta de que inventei un novo refrán: “No refraneiro, non todo é verdadeiro”. De feito, é un metarrefrán. Pois nada, poñereino de título do artigo para ver se calla como dito popular.