TRIBUNA

Corrupción

Xavier Varela

Xavier Varela

Este artigo é un extracto-analítico de recoñecemento do libro–manifesto de Baltasar Garzón ‘A indignación activa’, que tiña que ser de lectura obrigatoria nos distintos niveis da educación dun país que se estime democrático.

A crise do 2007 foi unha vulgar estafa de dimensións mundiais. Os paraísos fiscais son unha asociación ilícita de encubremento dos beneficios da evasión fiscal e da criminalidade mundial organizada. O mundo vai camiño de estar manexado por unha banda de delincuentes de grandísimo porte. O totalitarismo corporativo emplea todo-los medios (ilegais, mafiosos, criminais) para debilitar a Política por medio da corrupción. Os corruptores sírvense do propio delito para imputar aos que se corrompen. Cada político indecente entrégase como refén do totalitarismo corruptor e criminal. Este non se detén nin por razóns éticas nin de supervivencia. Crea unha realidade única exercendo o monopolio do saber académico, copando centros universitarios, medios de comunicación audio-visuais, escritos, intervindo as redes sociais e difundindo noticias falsas. Este perverso monopolio crea un mundo afastado da realidade. Esta lacra permite que o totalitarismo sexa impune, destruindo deste xeito as bases da lexitimidade democrática e o estado de dereito para terminar socavando a gobernabilidade e obstaculizando o desenvolvemento económico e a base moral da sociedade como sinala a Convención Penal sobre a corrupción do Consello de Europa.

Este macabro panorama é un dos maiores retos que afrontan as sociedades, porque altera os principios de mercado nos que se asentan o poder económico e financieiro; orixina desconfianza da cidadanía nas institucións; é un perigo de infiltración de grupos criminais nas estructuras do Estado. 

O BM define a corrupción como : “O abuso da autoridade pública para conseguir un beneficio privado”. Esta indecencia xera inxusticia e desigualdade na cidadanía aumentando o desinterés polo público. A privatización do Estado secuestrado como patrimonio de indeseables atenta contra a súa democratización. ¿Como se consinte esta noxenta actitude ata o punto de non castigar nas urnas a políticos dexenerados ou asumindo que todos son semellantes? En España o 61,6% pensa que somos tolerantes coas practicas indecentes supoñendo así unha clase de persoas que viven da sumisión da política aos seus intereses particulares. A responsabilidade política debe rexirse polo principio de transparencia. Se un responsable público non explica a súa riqueza e a dos demais, debe ser rexeitado da vida pública, aínda que sexa declarado inocente. Esta nefasta práctica funda as súas raíces no franquismo (isto sempre ocorre e é mellor que sexan os meus e non os outros). A credibilidade dunha formación política debe basearse non só nas súas ideas, senón na transparencia das súas finanzas.

A sociedade foi moi permisiva co especulador adorándoo como un novo ídolo, un modelo social creando unha evasión nos deberes comunitarios e unha cultura de insolidaridade como lóxica do cinismo e apatía que xera a existencia dun poder: homes de negocio, políticos corruptos, creándose un clima de impunidade e ausencia de temor a delinquir. Quen vota a un político corrupto adquire a categoría de cómplice. Debemos esixirnos representantes políticos cun nivel ético e uns méritos á altura da responsabilidade requerida. Temos dereito a que sexan os mellores. Ten que existir unha máxima esixencia fronte á corrupción ata superar a sensación de impunidade.

Todo corrupto debe devolver os cartos como compensación ao depredado. O único antídoto para evitar a prevalencia do poder sobre a ética política é a razón democrática da cidadanía. Nunha democracia a loita contra a corrupción é prioritaria. Hai que desenvolver unha actitude íntima decidida de pelexar contra a corrupción para rexeitala e xamais xustificala. A cidadanía debe ser educada en valores que fornezan o sistema democrático, defendan os dereitos humanos e perciban o sevizo público como un deber ineludible. Debería existir unha asignatura de Defensa da Democracia para despertar nos nenos a necesidade cívica de protexela como algo fundamental, limpo, que a súa transgresión deba ser sancionada. E unha obriga o dereito de esixir o seu cumprimento a quenes dictan e aplican as leis. Consolidar a democracia como ben escaso é obriga de todos, senón actuamos para cambiar os feitos minguamos a democracia comprometida e participativa. ¿Podemos xustificar os escándalos de corrupción e considerar normal o latrocinio dos servidores públicos? ¿ Non é unha contradicción que o estado de dereito protexa aos corruptos? ¿Quebrantar a promesa de servizo público e defensa da Constitución non é atentar contra a credibilidade do sistema?

Os medios de comunicación teñen o sagrado deber de informar con obxectividade e independencia. A corrupción afecta as estructuras do Estado, atacando os dereitos humanos. Debemos denunciar un sistema esencialmente corrupto, por ser moralmente perverso e que ningún tipo de ideoloxía pode xustificar; é cuestión de honestidade e dignidade humana.

Rob Riemen (Ins. Nexus) afirma: “A verdadeira identidade do ser humano, é o que temos en común. O noso verdadeiro ADN é vivir na verdade, crear beleza, xustiza e compaixón”.

O Papa na Encíclica “Fratelli Tutti” exhórtanos a defender a dignidade humana como o dereito ao desenvolvemento integral, poñendo á persoa humana como fundamento exclusivo do seu ser.